Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE COLABORARÁ COS ADMINISTRADORES DE FINCAS PARA ELABORAR UN PROTOCOLO QUE GARANTA A CELEBRACIÓN EN CONDICIÓNS DE SEGURIDADE DAS REUNIÓNS DAS COMUNIDADES VECIÑAIS

• A conselleira Ángeles Vázquez mantivo esta mañá unha xuntanza coa directiva do Colexio oficial de administradores de Galicia para analizar o impacto que están a ter as restricións impostas pola Covid-19 no funcionamento ordinario do sector

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2020-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o colectivo dos administradores de fincas colaborarán co fin de establecer a curto prazo un novo protocolo de seguridade que permita reunirse ás comunidades de veciños con plenas garantías sanitarias. Así o acordaron hoxe a conselleira Ángeles Vázquez e unha representación da directiva do Colexio de Administradores de Fincas de Galicia, encabezada polo seu presidente, Martín Bermúdez de la Puente.

Durante o encontro, os administradores trasladáronlle á responsable autonómica a súa preocupación ante as dificultades coas que se atopan para poder convocar as xuntas ordinarias anuais de propietarios debido ás restricións impostas pola Covid-19 con relación á celebración de reunións e ás limitacións no número de asistentes.

Neste sentido, lembraron a obrigatoriedade de celebrar este tipo de xuntanzas polo menos unha vez ao ano, así como a necesidade de tomar acordos importantes para o bo funcionamento das comunidades veciñais, como a renovación dos seus cargos directivos ou a aprobación dos orzamentos do próximo ano.

Pola súa parte, a conselleira de Medio Ambiente amosouse disposta a colaborar co Colexio na busca dunha solución que permita garantir a seguridade dos propietarios e á vez cumprir coas obrigas propias dos seus comuneiros. Así, propuxo trasladarlle ao Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) a necesidade de deseñar un protocolo de actuación específico ante o coronavirus para a celebración de xuntas veciñais, similar ao que xa se aplica noutros sectores.

De feito, cómpre lembrar que nos últimos meses o ISSGA foi o organismo encargado de elaborar guías cunha serie de recomendacións e criterios de prevención fronte á Covid-19 adaptados a diferentes sectores de actividade, como o comercio ou a construción.