Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA RECIBE AS OBRAS DA DEPURADORA DE AUGAS RESIDUAIS DA PLATAFORMA LOXÍSTICO-INDUSTRIAL DE SALVATERRA-AS NEVES

• Tamén están moi avanzados os traballos de construción da planta de tratamento de auga potable, cuxa finalización está prevista para antes de que remate este ano

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2020.- Técnicos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) acaban de proceder á recepción das obras de construción da estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Plataforma Loxístico-Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan), dando un paso máis cara a posta en funcionamento do parque empresarial

As obras consistiron na construción dunha EDAR dimensionada para a primeira fase da PLISAN pero preparada tamén para as ampliacións futuras previstas. Executouse un tanque de emerxencias, de 900 m3 de capacidade.

Ademais, realizouse a construción do acceso, duns 241 metros de lonxitude e cinco metros de ancho, a instalación do colector da entrada á depuradora, a acometida eléctrica, telecomunicacións e abastecemento.

Tamén se executou o colector de vertido ao río Miño das augas depuradas, con 464 metros de lonxitude e 400 milímetros de diámetro.

Como obras complementarias, instaláronse equipos de bombeo, implementouse un sistema de xestión de vertidos accidentais e realizáronse labores de recuperación da canle dun muíño próximo á EDAR.

O investimento realizado na construción desta infraestrutura, a súa posta en marcha e explotación supera os 4,31 millóns de euros.

Por outra parte, continúan a bo ritmo as obras de construción da estación de tratamento de auga potable (ETAP) da Plisan, licitadas polo IGVS e cuxo remate está previsto para finais de 2020, cun investimento de máis de 7,23 millóns de euros.

Con estas dúas obras garantirase o subministro de auga potable e o saneamento da Plisan, na que xa están rematadas as obras de urbanización da primeira fase e adxudicadas as primeiras parcelas a empresas que prevén iniciar proximamente a súa implantación na mesma.