Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA ADXUDICA TRES PARCELAS NO PARQUE OFIMÁTICO DA CORUÑA PARA A CONSTRUCIÓN DE PRETO DE 200 NOVAS VIVENDAS PROTEXIDAS

• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá os terreos asignados a dúas cooperativas no marco do concurso público de solo residencial que convocou Xestur a finais do ano pasado
• O importe de adxudicación das parcelas supera os cinco millóns de euros

A Coruña, 26 de outubro de 2020.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar tres parcelas de solo urbanizado no parque Ofimático da Coruña que se destinarán á construción de 194 novas vivendas protexidas por parte de promotores privados. Así o anunciou hoxe a responsable do departamento, Ángeles Vázquez, quen visitou a zona acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

Estas parcelas forman parte do concurso público que convocou Xestur hai 10 meses para impulsar a construción de vivenda protexida en catro cidades galegas: A Coruña, Ferrol, Lugo e Pontevedra. En total, puxéronse a disposición de promotores e cooperativas 45.000 metros cadrados de solo residencial urbanizado e por tanto, listo para empezar a construír.

No caso concreto da cidade herculina, a conselleira de Medio Ambiente explicou que hai uns días o Consello de Administración de Xestur resolveu adxudicar tres parcelas no ámbito do Ofimático por un importe que supera os cinco millóns de euros.

Concretamente, a cooperativa Mirador de Matogrande SCG será a encargada de desenvolver a parcela Z-28 e a Z-15 co obxectivo de construír en cada unha delas 90 vivendas de réxime xeral destinadas á venda (180 en total). Así mesmo, a parcela Z-6 foi adxudicada á cooperativa Galivivenda San Pelayo, que será a encargada de promover neste solo 14 vivendas para alugueiro.

Grazas a estas adxudicacións, o parque Ofimático poderá seguir incrementando a súa oferta residencial e desenvolvendo os terreos dispoñibles para poder ofrecer á veciñanza máis vivendas protexidas. Neste sentido, Ángeles Vázquez lembrou que nesta mesma zona xa se están a construír 40 novas vivendas de promoción pública, cun investimento por parte da Consellería de máis de seis millóns de euros, e lembrou a importancia que ten para a cidade da Coruña o proxecto do Ofimático, no marco do cal está prevista a execución de preto de 1.100 vivendas cunha achega da Xunta duns 25,5 millóns de euros.

Colaboración para aumentar o parque público coruñés
Na mesma liña, tamén lembrou que en outubro de 2019 o IGVS asinou un convenio de colaboración co Concello da Coruña (en calidade de promotor) en virtude do cal lle concedemos unha axuda de 91.800 euros para a rehabilitación de cinco vivendas situadas na rúa Marqués de Pontejos.

As vivendas resultantes desta actuación ofertaranse en réxime de alugueiro a prezo reducido durante un prazo mínimo de 25 anos e a persoas con ingresos que non superen 4,5 veces a contía do IPREM ou 5 veces se se trata de familias numerosas e persoas con algún tipo de discapacidade.