Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE CONCEDE UNHA AXUDAS DE 200.000 EUROS DO FONDO DE COOPERACIÓN PARA A REFORMA DUN EDIFICIO ADMINISTRATIVO-SOCIAL

• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a alcaldesa de Barreiros veñen de asinar convenio polo cal a administración local accede a un préstamo sen xuros
• A actuación consiste en recuperar as escolas antigas situado na Praza do Concello e completar o conxunto edificatorio das institucións oficiais
• Desde a posta en marcha do fondo, no ano 2017, o Instituto Galego da Vivenda e Solo xa concedeu preto de cinco millóns de euros en préstamos sen xuros para financiar 18 actuacións de recuperación nunha decena de concellos

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2020.-
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda concede unha axuda de máis de 200.000 euros ao Concello de Barreiros do programa Fondo de Cooperación, para levar a cabo unha actuación de rehabilitación dun edificio que albergará usos administrativos e sociais.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Barreiros, Ana Belén Ermida Igrexas, veñen de asinar telematicamente un convenio de colaboración que lle dará acceso a este municipio da Mariña lucense ao Fondo de Cooperación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), un instrumento para apoiar aos concellos de menos de 50.000 habitantes no financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído.

En concreto, a achega económica comprometida pola Xunta permitiralle ao Concello de Barreiros dispoñer dun total de 200.592 euros para financiar esta actuación, unha contía que poderá devolver ao IGVS nun máximo de oito anualidades, de forma cómoda e sen xuros.

As obras a executar, en concreto, centraranse no edificio das escolas antigas situado na Praza do Concello, que completa o conxunto edificatorio das institucións oficiais e que non posúen ningún uso no seu interior, sendo utilizado como almacén e de apoio ás oficias xerais do Concello, en momentos de necesidades puntuais.

Coa recuperación que se pretende acometer, garantirase un novo uso, social- administrativo, xa que a idea do concello é habilitar unha aula ou local plurifuncional, no andar baixo, para a organizacións de cursos, exposicións, reunións veciñais; mentres que no andar alto se localizaría o arquivo municipal, comunicando este inmoble co edificio administrativo central a través dunha pasarela.

Novas solicitudes de financiamento por 2,2 millóns
Cómpre lembrar que o Fondo de Cooperación do IGVS se puxo en marcha no ano 2017, cunha dotación inicial de 10 millóns de euros e co obxectivo de facilitarlle aos concellos o financiamento necesario para acometer proxectos de rehabilitación mediante a concesión de préstamos sen xuros. Grazas aos compromisos asumidos vía convenio durante o período 2017-2019, outorgáronse xa 4,98 millóns de euros para garantir a execución de 18 actuacións de rehabilitación e conservación de inmobles nunha decena de municipios.

Ademais, ao abeiro da convocatoria do Fondo realizada este ano –cuxo prazo para a presentación de solicitudes abriuse o 7 de xullo e rematou o pasado 1 de outubro- estanse tramitando peticións por un importe global de 2,2 millóns de euros.