• A conselleira Ángeles Vázquez visitou hoxe esta área empresarial da comarca pontevedresa
do Deza, na que as tres fases executadas están xa case esgotadas
• Subliña o interese existente entre o tecido empresarial por asentarse en Lalín 2000 e
anuncia que o deu departamento destinará 15 millóns a desenvolver a cuarta fase do parque, cuxas
obras de urbanización prevense licitar a finais de 2021
Lalín (Pontevedra), 30 de novembro de 2020.- A Xunta continúa dando pasos para
executar a nova ampliación do polígono empresarial Lalín 2000, que desde hai anos actúa como motor
económico e comercial da comarca do Deza. Os orzamentos da Consellería de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda para o vindeiro ano inclúen unha partida de 1,5 millóns para avanzar na
execución da cuarta fase do parque co obxectivo de poñer a disposición do tecido empresarial
interesado 316.960 metros cadrados máis de solo.
Unha vez estea lista esta nova ampliación, tal e como subliñou esta mañá a conselleira
Ángeles Vázquez no transcurso dunha visita á zona acompañada polo alcalde José Crespo, o polígono
Lalín 2000 contará cunha superficie de máis de 680.000 m2, practicamente o dobre da que ten na
actualidade.
Así, explicou que nas tres fases xa executadas tan só quedan dúas parcelas dispoñibles e unha
delas está reservada para equipamentos sociais. Sen embargo, segue existindo interese entre o
tecido empresarial da zona por asentarse neste polígono, o que xustifica, dixo, o compromiso
adquirido polo seu departamento coa nova ampliación.
Tras lembrar que en total a Xunta prevé investir 15 millóns de euros no desenvolvemento desta
cuarta fase, Vázquez Mejuto explicou que o ano que vén será clave para o futuro do proxecto. Así,
despois de que Xestur adxudicara a mediados do pasado outubro a modificación do Plan de
Sectorización e a redacción do proxecto de urbanización –por 111.450 euros- o seguinte paso será o
inicio da tramitación ambiental do devandito plan, previsiblemente, antes de que remate 2020.
A continuación, poderase avanzar xa na adquisición dos terreos necesarios para levar a cabo a
cuarta fase. Neste sentido, cómpre lembrar que aproximadamente a metade dos 316.960 m2 dos que
consta a ampliación xa son propiedade da Xunta de Galicia polo que só restan por adquirir o 50%
restante. Deste xeito, a previsión é que dentro dun ano se poidan licitar as obras de urbanización,
paso previo á implantación das primeiras empresas.
Investimentos en solo industrial na provincia
Ademais dos 1,5 millóns de euros reservados en 2021 para a ampliación do polígono Lalín 2000,
as contas da Consellería para o vindeiro exercicio tamén inclúen 2 millóns de euros para a
Plataforma Loxístico Empresarial de Salvaterra-As Neves (Plisan) co obxectivo de lanzar un novo
procedemento de venda de solo ante o interese existente entre as empresas.
En xeral e co fin de facilitar e incentivar a implantación e o crecemento das empresas na
Comunidade galega, Ángeles Vázquez indicou que en 2021 a Consellería de Medio Ambiente dedicará
unha partida de 37,3 millóns de euros a desenvolver iniciativas e políticas relacionadas con esta
materia.
En concreto, subliñou os oito millóns de euros que se destinarán a prolongar as bonificacións
–de entre un 30% e un 50%- para a adquisición do solo empresarial dispoñible nos parques
xestionados polo IGVS e Xestur. Neste sentido, a conselleira lembrou que esta medida foi impulsada
pola Xunta por primeira vez no ano 2015 con moi bos resultados e o seu mantemento cobra unha
especial importancia no contexto actual, debido á necesidade de “traballar na reactivación
económica de Galicia” e favorecer a actividade das empresas.