Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE E CONCELLO TRABALLARÁN DA MAN PARA DECLARAR A ÁREA REXURBE DE FERROL VELLO QUE PERMITA AVANZAR NA COMPLETA REXENERACIÓN DESTE ÁMBITO

• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o rexedor municipal acordaron celebrar unha reunión entre os departamentos técnicos nas vindeiras semanas para iniciar a tramitación da declaración desta zona e seguir o exemplo da Coruña, Ribadavia e Mondoñedo
• Recorda que o Instituto Galego de Vivenda e Solo xa dispón dun modelo de plan de dinamización que se debe abordar tras acadar a declaración, polo que ofrece toda a colaboración para “sentarse a coordinar” os traballos que implica esta iniciativa, co fin de dinamizar social e economicamente este ámbito da cidade
• Ángeles Vázquez salienta que Ferrol é o concello onde se adquiriron o maior número de inmobles ao abeiro do Programa Rexurbe

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2020
.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e ao alcalde de Ferrol, Ángel Mato, acordaron esta mañá traballar de xeito conxunto para acadar da declaración de Área Rexurbe de Ferrol Vello, a primeira Área Rexurbe da cidade e a cuarta na Comunidade. Esta foi unha das cuestións que abordaron a conselleira e o rexedor municipal, no transcurso dunha reunión na que repasaron as intervencións e proxectos que se levan a cabo na cidade departamental en materia de rehabilitación.

Ángeles Vázquez trasladoulle ao alcalde Mato unha total e absoluta colaboración e brindoulle o apoio técnico do Instituto Galego de Vivenda e Solo para sentarse a coordinar os traballos e a tramitación desta iniciativa; tal e como fixo coas Áreas Rexurbe xa declaradas, a de Mondoñedo, Ribadavia e A Coruña. Nese sentido, coincidiron na necesidade de que os departamentos técnicos de cada administración celebren un primeiro encontro técnico nas vindeiras semanas.

Segundo manifestou a conselleira, co impulso desta iniciativa, o concello avanza un paso máis na completa rexeneración, recuperación e mellora do ámbito e a contorna de Ferrol Vello, que tamén implica apostar pola dinamización económica e social.

Recordou que unha Área Rexurbe é unha nova figura creada pola Lei de rehabilitación e rexeneración e renovación urbanas de Galicia, aprobada en 2019, que vai máis alá das tradicionais áreas de rehabilitación integral, xa que ademais da rehabilitación edificatoria inclúe medidas de dinamización social, demográfica e económica.

Unha vez realizada a declaración da nova área Rexurbe, o seguinte paso será a redacción dun plan de dinamización, no que se indiquen as medidas a adoptar e as actuacións que se deben levar a cabo, o custe estimado das mesmas e as fontes de financiamento, público e privado, para levalas a cabo; posto que as actuacións nunha área Rexurbe son transversais e afectan a competencias de diversos departamentos. Nese sentido, indicoulle que xa se dispón dun modelo de plan de dinamización, elaborado polo IGVS.

Programa Rexurbe e áreas de rehabilitación
A conselleira Ángeles Vázquez salientou que en Ferrol hai exemplos de iniciativas nesta materia, como son as catro áreas de rehabilitación integral (ARI) e o Programa Rexurbe; polo que con esta terceira accións Ferrol convértese nun concello modelo en materia de rehabilitación.

A modo de exemplo, destacou que Ferrol é o concello onde se adquiriu o maior número de inmobles -a través dunha oferta pública de compra- ao abeiro do Programa Rexurbe, case 20 inmmobles para, unha vez rehabilitados, acadar 45 vivendas públicas. Recordou que nos orzamentos do ano 2021 recolle unha partida para o Programa Rexurbe, do que Ferrol é o gran beneficiado cun orzamento de 3 millóns de euros.

Por último recordou, que no Concello de Ferrol están declaradas catro ARI: Barrios Históricos: A Madalena e Ferrol Vello, que recibiu 332.750 euros a cargo da última convocatoria, o Barrio da Graña, o Barrio de Esteiro Vello e o Barrio de Recimil.