• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda salienta que para incentivar a
participación dos propietarios de inmobles se prevén axudas de ata 8.000 euros, coberturas e
subvencións para arranxos, así como o acceso a préstamos para a rehabilitación sen xuros
• Tamén ofrece vantaxes para os arrendatarios, xa que se garante o acceso a unha vivenda
digna a aquelas persoas ou familias con menores recursos
• Ángeles Vázquez apela á necesaria e imprescindible colaboración e participación dos
concellos, sobre todo das grandes cidades, para garantir a efectividade desta ferramenta coa que
habilitar vivenda
Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2021.- A Consellería de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda reformará o programa de Vivendas Baleiras para facilitar o acceso a unha
vivenda en alugueiro, sobre todo naqueles concellos nos que se rexistra unha maior demanda, como é
o caso das cidades. Así o adiantou esta tarde a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e
Vivenda, Ángeles Vázquez, no Pleno do Parlamento, onde deu conta das distintas iniciativas do
Goberno galego para dinamizar o parque de vivendas baleiras na Comunidade galega.
Explicou que o Instituto Galego da Vivenda e Solo xestionará directamente este programa de
alugueiro social para o que é necesario mobilizar o parque (de vivendas baleiras) existente en
Galicia, pero evidentemente dando as máximas das garantías aos propietarios. Recordou que esta é a
esencia do programa posto en marcha polo Goberno galego en 2016 e a disposición dos concellos, polo
que apelou novamente á colaboración por parte das administracións locais, ás máis próximas ao
territorio e aos veciños, para conseguir entre todos que esta iniciativa sexa efectiva.
Reiterou que a colaboración e participación dos concellos, sobre todo das grandes cidades, é
imprescindible e necesaria para coñecer as necesidades e demandas dos veciños, así como achegar os
beneficios deste programa aos propietarios de inmobles baleiros.
Grazas a este programa, que xestionará o Goberno galego, fomentarase o arrendamento con
axudas de ata 8.000 euros para os propietarios que se sumen ao mesmo; aos que tamén se lles blinda
seguridade xurídica, a través de diferentes coberturas, axudas para arranxos ou prioridade no
acceso aos préstamos para rehabilitación sen xuros; ao mesmo tempo que se dan garantías aos
arrendatarios ao establecer rendas limitadas e axudas a inquilinos con maiores dificultades
económicas.
Ángeles Vázquez salientou que se trata dun programa que conta co apoio de axencias e
administracións de propiedade inmobiliaria e, en definitiva, trátase de habilitar fogares para
aquelas persoas e familias que máis o necesitan e sobre todo naquelas zonas onde é preciso actuar,
nas cidades.
Nese sentido, o Goberno galego -a través do instituto Galego de Vivenda e Solo- apostou por
deseñar un novo programa orientado á mobilización de vivendas baleiras grazas a incentivos e
garantías para os propietarios que decidan alugalas e que se inclúe como unha das novidade do Plan
Social pola Vivenda 2021-2025, que recolle preto de 50 accións e que prevé un investimento directo
duns 433 millóns, o que suporá unha mobilización, entre fondos públicos e privados, de 1.083
millóns de euros.
Destacou que esta nova folla de ruta en materia de vivenda que impulsa a Xunta de Galicia
conta coa apoio dos concellos, a través da Fegamp, do Colexio Oficial de Arquitectos, dos axentes
da propiedade inmobiliaria, os aparelladores e arquitectos técnicos, o Consello Galego de
Consumidores e Usuarios, o Colexio Oficial de Administradores de Fincas, a Asociación galega de
cooperativas de vivendas, os construtores e os promotores de vivenda.
Por último, a conselleira aclarou que o programa de Vivenda Baleiras non foi a única
iniciativa posta en marcha pola Xunta para habilitar vivenda en Galicia, pois a través da
rehabilitación tamén se facilita o acceso á vivenda e a modo de exemplo citou o programa Rexurbe,
co que se están a recuperar 65 inmobles nos concellos de Ferrol, Betanzos, Lugo, Vilalba,
Mondoñedo, Viveiro, Ourense, Tui e Ribadavia; axudas para rehabilitar vivendas de mestres e
titularidade municipal, grazas as cales sa actuou en 125 vivendas e, por último, as Áreas de
Rehabilitación Integral (ARI), con 70 declaradas en 46 concellos e 3 ARIS supramunicipais.