Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O CONCELLO DE FERROL TRASLADA Á XUNTA A SÚA SOLICITUDE FORMALPARA QUE DECLARE UNHA ÁREA REXURBE NO CASCO VELLO DA CIDADE

• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse hoxe co rexedor ferrolán, Ángel Mato, quen lle comunicou que o expediente está listo para ser remitido nuns días ao Instituto Galego da Vivenda e Solo e iniciar a súa tramitación
• Será a cuarta figura deste tipo que se promove en toda Galicia, seguindo o exemplo das Áreas Rexurbe existentes en Mondoñedo, A Coruña e Ribadavia
• Ángeles Vázquez avanza tamén que este ano a Xunta adxudicará a rehabilitación de, como mínimo, 11 dos inmobles que adquiriu na cidade e que as obras no edificio situado en Argüelles número 1 estarán rematadas neste primeiro trimestre

Ferrol (A Coruña), 25 de xaneiro de 2021.-
O Concello de Ferrol xa está en disposición de solicitar formalmente á Xunta a declaración dunha Área Rexurbe no seu casco vello, unha iniciativa que permitirá dinamizar social e economicamente esta zona e darlle un pulo definitivo á recuperación do seu patrimonio edificatorio. Así o anunciaron esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, que mantiveron unha reunión de traballo no Concello para abordar este e outros proxectos de interese para a cidade en materia de rehabilitación residencial.

Tras confirmarlle o rexedor que a documentación está lista para ser remitida nuns días ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), responsable da súa tramitación, a conselleira felicitou ao Concello ferrolán por unha iniciativa que o converterá no cuarto municipio galego que aposta por esta ferramenta de intervención integral sobre determinados ámbitos.

Cómpre lembrar que a Área Rexurbe é unha figura creada pola Lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, aprobada en 2019, que vai máis alá das tradicionais áreas de rehabilitación integral (ARI), xa que o seu obxectivo é promover non só a recuperación de edificios, senón tamén planificar medidas transversais que contribúan á dinamización social, demográfica e económica do seu ámbito de actuación.

Para cumprir con este fin e unha vez sexa declarada pola Xunta, o seguinte paso consistirá en redactar o plan de dinamización da nova Área Rexurbe, é dicir, un documento coas medidas a adoptar e as actuacións que se deben levar a cabo, o custo estimado das mesmas, e as fontes de financiamento -público e privado- necesarias para a súa execución.

Nese sentido, Ángeles Vázquez trasladoulle ao alcalde que xa existe un modelo tipo de plan de dinamización, elaborado polo IGVS co obxectivo de facilitarlles aos concellos este labor. Así, indicou que o organismo autonómico estará a disposición do Concello para brindarlle todo o asesoramento e apoio técnico que necesite, tal e como fixo antes cos tres municipios que teñen Áreas Rexurbe xa declaradas: Mondoñedo, A Coruña e Ribadavia.

De feito, tras a reunión que mantiveron a comezos de decembro en Santiago a conselleira e Ángel Mato, os departamentos técnicos do IGVS e do Concello ferrolán se puxeron en contacto e hai unhas semanas o organismo autonómico lle remitiu toda a información e o modelo de solicitude necesarios para poder avanzar na declaración da súa Área Rexurbe.

Fitos para 2021 e petición de axilidade ao Concello
A conselleira de Medio Ambiente tamén aproveitou a súa visita para anunciar algúns dos principais fitos que se marcou este ano o seu departamento para darlle un pulo definitivo á rehabilitación con fins residenciais na cidade, un capítulo ao que destinará tres millóns de euros dos seus orzamentos.

Tras lembrar que Ferrol é o concello no que a Xunta adquiriu un maior número de inmobles para rehabilitar desde a posta en marcha do chamado Programa Rexurbe (19 en total), Vázquez Mejuto avanzou que en 2021 o IGVS ten previsto adxudicar as obras para poder empezar a traballar na rehabilitación de, como mínimo, 11 destes edificios.

A intención da Consellería, segundo explicou, é tramitar estes contratos polo procedemento de urxencia, polo que emprazou ao Concello a axilizar cando sexa necesario a concesión das correspondentes licencias de obra co fin de que os traballos poidan comezar nada máis sexan adxudicados.

Así mesmo, Ángeles Vázquez referiuse ás obras que se están a acometer nestes momentos no número 1 da rúa Argüelles, un edificio tamén propiedade do IGVS e do que se obterán dúas vivendas protexidas e un local comercial. A actuación está moi avanzada, con data de finalización prevista para o próximo mes de marzo. Por iso, volveu pedir a colaboración do Concello para que, chegado o momento, tramite a licencia de primeira ocupación deste inmoble coa “máxima axilidade” co fin de poder entregar canto antes as dúas vivendas.

Por último, a conselleira lembrou que os cinco edificios que adquiriu o seu departamento en Ferrol no ano 2019 están pendentes da redacción dos correspondentes proxectos. En todo caso, explicou que xa se están redactando os pregos co fin de poder sacalos a licitación no vindeiro mes de marzo.