• Esta empresa foi unha das tres adxudicatarias da poxa pública convocada polo IGVS en 2019
para sacar ao mercado solo nesta gran área empresarial
Ponteareas (Pontevedra), 1 de marzo de 2021-. A Xunta de Galicia, a Autoridade
Portuaria de Vigo e o Consorcio da Zona Franca asinaron esta mañá co grupo tecnolóxico Arbinova SL
as escrituras polas que se lle adxudica formalmente a esta empresa unha parcela de 2.570,9 m2 na
Plataforma Loxístico Empresarial de Salvaterra de Miño-As Neves (Plisan). En concreto, a firma
accederá ao solo en dereito de superficie con opción a compra por un prazo de 30 anos, sen prexuízo
da posible concesión de ata tres prórrogas.
Arbinova, que traballa no deseño e fabricación innovadora de implantes e instrumental
específico para o sector veterinario, foi unha das tres empresas que resultou adxudicataria no
proceso de poxa pública convocado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) en 2019 para sacar
parte da superficie da Plisan ao mercado.
A adxudicación realizouse en dereito de superficie, unha modalidade que permite ás empresas
acceder ao solo a cambio do pago cada ano dunha cantidade reducida por metro cadrado, o que lles
facilita financiar a súa instalación e o inicio da actividade. En concreto, o canon anual a abonar
equivale ao 1,5% do prezo da parcela durante os dous primeiros anos, ao 2,5% nos anos terceiro e
cuarto, e ao 3,5% do prezo a partir do quinto ano.
En todo caso, os adxudicatarios teñen tamén a opción de adquirir a propiedade da parcela en
condicións vantaxosas nos anos seguintes á adxudicación, con dereito a bonificacións e descontando
do prezo de venda unha porcentaxe das cantidades xa satisfeitas.
Cómpre lembrar que o Consello da Xunta aprobou recentemente a oferta de solo empresarial nos
seus parques para este ano (1,4 millóns de m2 repartidos en 545 parcelas) así como o mantemento das
bonificacións e incentivos que desde 2015 ofrece ás empresas para facilitarlles o acceso a esta
superficie. A Xunta é partidaria de manter esas condicións vantaxosas tamén no caso da Plisan, para
o que estuda con Zona Franca e o Porto de Vigo a fórmula concreta coa que se comercializarán este
ano as parcelas aínda dispoñibles.