Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA CONVOCA AXUDAS DE ATA 15.000 EUROS PARA COMPRAR VIVENDAS NO MEDIO CENTO DE CENTROS HISTÓRICOS DECLARADOS EN GALICIA

- O DOG publica hoxe as bases e a convocatoria desta nova orde de subvencións, que se poderán solicitar a partir de mañá e ata o próximo 1 de setembro 
- Entre as novidades deste ano están a eliminación do requisito da idade para poder acceder ás axudas e a ampliación do límite de ingresos dos posibles beneficiarios para facilitar o asentamento de poboación nestas zonas

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2021
.- A partir de mañá xa se poderán solicitar as axudas da Xunta para a compra de vivenda nalgún dos case medio cento de concellos galegos que teñen declarado un centro histórico.

Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, tras reunirse coa Asociación de Veciños da Cidade Histórica Fonseca de Santiago de Compostela, un encontro que aproveitou para explicarlles o obxectivo e os principais requisitos de acceso a esta liña de subvencións.

Segundo a resolución publicada hoxe no DOG, as persoas interesadas poderán solicitar estas axudas a partir de mañá e ata o vindeiro 1 de setembro. Trátase da terceira convocatoria deste programa, que para 2021 contará cun orzamento de 600.000 euros, case seis veces máis que a dotación coa que saíu convocada o ano pasado.

Os beneficiarios poderán optar a unha axuda de ata 15.000 euros para financiar a adquisición dunha vivenda xa construída (xa sexa nova, usada ou necesite de rehabilitación) localizada nun dos centros históricos existentes en Galicia.

Neste sentido, a conselleira salientou que o obxectivo principal co que se puxo en marcha este programa é o de contribuír a fixar poboación de forma estable nestas zonas, lugares emblemáticos e cunha grande riqueza patrimonial e arquitectónica.

Novidades da terceira convocatoria
Entre as principais novidades desta terceira convocatoria, Vázquez Mejuto subliñou que, por unha banda, se elimina o requisito de ser menor de 35 anos para poder optar ás axudas, de tal xeito que se estende a consideración de potencial beneficiario ao conxunto dos galegos, co fin de favorecer o asentamento de poboación nos conxuntos históricos.

Os mozos e mozas, en todo caso, poderán seguir optando ao programa e mesmo se verán beneficiados con respecto a outros colectivos. Así, o importe da subvención variará en función da idade do solicitante, de forma que se a vivenda foi adquirida por unha persoa maior de 35 anos, o importe máximo a percibir será de 10.800 euros; unha contía que se ampliará ata os 12.800 euros cando os solicitantes sexan menores de 35 anos.

Así mesmo, no suposto de que a vivenda estea situada nun ámbito declarado Área Rexurbe –n estes momentos só os concellos de Mondoñedo, A Coruña e Ribadavia teñen unha-, a contía elevarase ata 15.000 euros, independentemente da idade do beneficiario.

Precisamente, a conselleira aproveitou a súa visita polo casco histórico compostelán para animar ao Concello de Santiago a solicitar a declaración na cidade dunha Área Rexurbe, figura recollida na Lei de rehabilitación para avanzar e completar as actuacións orientadas a recuperar o patrimonio edificatorio e facilitar o acceso á vivenda entre a veciñanza.

A outra gran novidade da orde de axudas deste ano refírese aos requisitos económicos de acceso, medida coa que se busca tamén ampliar o abano de potenciais beneficiarios. Neste sentido, o límite de ingresos dos solicitantes elévase ata 6,5 veces o IPREM (48.877,33 euros), o que correspondería a case o 90% dos fogares galegos, co fin de adecuarse aos prezos actuais do mercado inmobiliario e máis concretamente, á realidade do custo da vivenda nos centros históricos.

Estas axudas, como lembrou a conselleira, enmárcanse no chamado Pacto Social pola Vivenda 2021-2025, unha folla de ruta consensuada previamente cos principais colectivos profesionais implicados no sector e coas asociacións de consumidores co obxectivo de chegar neste período a unhas 70.000 familias galegas.

Dáse así un paso fundamental para impulsar as políticas de vivenda e rehabilitación en Galicia de cara aos vindeiros anos dunha forma consensuada e en sintonía coas demandas existentes en materia de vivenda.