Os programas están dirixidos aos particulares, comunidades de veciños e administracións
locais, co fin de mellorar o patrimonio edificatorio da Comunidade
Ademais das axudas para actuacións nas tres áreas de rehabilitación integral
supramunicipais, convócanse o programa de infravivenda e as axudas á conservación e accesibilidade
Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2021.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e
Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a Resolución pola que se convocan cinco axudas
distintas para promover a conservación e a rehabilitación dos inmobles, por un importe global de
preto de 5 millóns de euros de fondos propios da Xunta de Galicia.
O obxectivo dos distintos programas dirixidos a particulares, comunidades de veciños e
administracións locais é mellorar a patrimonio edificatorio da Comunidade galega. Así, ábrese o
período para solicitar axudas ao abeiro do programa de fomento de conservación e mellora de
accesibilidade das vivendas (680.000 euros), de fomento e rexeneración urbana nas áreas de
rehabilitación integral dos Camiños de Santiago (1,3 millóns de euros), do Parque Nacional das
Illas Atlánticas (32.000 euros) e da Ribeira Sacra (850.000 euros), para rehabilitar inmobles e
vivendas de titularidade municipal para destinalas ao alugueiro social (1,7 millóns de euros) e o
programa de infravivenda (case 275.000 euros).
Asemade, no mes de abril a Xunta convocará o programa Fondo de Cooperación cos concellos,
dotado con más de 4 millóns de euros. Con este programa, xunto coa ampliación de crédito dos
programas que hoxe se convocan, unha vez que o Goberno central transfira á Comunidade os fondos
estatais consignados, a Xunta de Galicia prevé mobilizar máis de 12 millóns de euros nestes
programas de rehabilitación ao longo deste ano, cos que poder atender a máis de 2.300 solicitudes
de axuda.
Rehabilitación nas tres ARI supramunicipais
O Instituto Galego da Vivenda e Solo xestiona directamente as tres áreas de rehabilitación
integral de carácter supramunicipal que están declaradas hoxe na Comunidade galega, son a ARI do
Camiño de Santiago (na que se integran 126 concellos), a do Parque Nacional Illas Atlánticas de
Galicia (4 entidades locais) e a da Ribeira Sacra (25 municipios).
As actuacións que se poderán levar a cabo son obras e traballos de mantemento nas vivendas
unifamiliares e nos edificios, mesmo no interior, a fin de adecualos, e obras de demolición de
edificios e vivendas e obras de nova construcción.
Os beneficiarios desta liña de axudas, comunidades de persoas propietarias e persoas físicas ou
titulares dunha concesión, no caso da ARI do Parque nacional-, dispoñen ata o 30 de setembro para
presentar unha solicitude.
Así, os solicitantes poderán recibir ata 4.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación
e que se incrementará en 1.000 euros sempre e cando se adapten á Guía de cores e materiais.
Asemade, cando o beneficiario sexa menor de 35 aos e resida nun concello de menos de 5.000
habitantes, o importe da axuda incrementarase nun 25%.
Conservación e mellora da accesibilidade
O programa de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da
accesibilidade en vivendas do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021 está dirixido a financiar
actuacións de rehabilitación de edificios ou vivendas, como as relativas ao estado de conservación
da cimentación, da estrutura e das instalacións, das cubertas, azoteas, fachadas e medianeiras.
No caso das actuación de accesibilidade, destacan a instalación de ascensores,
salvaescaleiras, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás
necesidades de persoas con discapacidade sensorial ou intelectual, así como calquera intervención
que facilite a accesibilidade universal, como elementos de información ou de aviso ou dispositivos
electrónicos de comunicación.
As axudas poderán solicitarse ata o 30 de novembro e os beneficiarios son persoas
propietarias de vivendas unifamiliares, de edificios de tipoloxía residencial colectiva e das
vivendas situadas nestes edificios, as comunidades de propietarios, así como as agrupacións de
propietarios.
Axudas directas aos concellos
A Consellería de Medio Ambiente destaca que na resolución que se publicará o
vindeiro luns establécense dous programas concretos para os concellos galegos: o de rehabilitación
de edificacións e vivendas de titularidade municipal con destino ao alugueiro social, para
concellos de menos de 20.000 habitantes, e o de infravivenda, para as entidades locais de menos de
10.000 habitantes. Ambas axudas teñen un prazo de solicitude que expira o 30 de abril.
Estes dous programas teñen por finalidade apoiar aos concellos, así como ás unidades de
convivencia propietarias, na execución de obras de rehabilitación de inmobles co obxectivo de
habilitar vivendas cunha mínimas condicións de habitabilidade. Neste caso, a contía da axuda poderá
chegar ata o 95% do orzamento necesario para as obras ou un máximo de 15.000 euros.