Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA REITERA A NECESIDADE DE QUE O GOBERNO CENTRAL CONCRETE OS PROGRAMAS DE VIVENDA QUE DISPORÁN DE FONDOS EUROPEOS

• Ángeles Vázquez avanza que demandará unha vez máis ao Ministerio de Fomento a convocatoria urxente dunha Conferencia Sectorial na que se informe ás comunidades como será o reparto de máis de 5.000 M€ dos fondos europeos
• Reitera a necesidade de apostar por un instrumento áxil, eficaz e flexible que permita ás comunidades o axuste dos termos da tramitación e os requirimentos de cada programa do Plan de recuperación e resiliencia da Comisión Europea

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2021
.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reiterou esta mañá a necesidade de que o Goberno central concrete os programas e os prazos dos distintos programas en materia de vivenda que disporán de fondos europeos.

A conselleira de Medio Ambiente falou desta demanda no transcurso dunha xornada en liña sobre os fondos europeos para a rehabilitación e eficiencia enerxética con 240 arquitectos, enxeñeiros, promotores, construtores e administradores de fincas, para transmitirlles a información, “moi escasa e difusa”, da que dispón da Xunta sobre estes programas e os investimentos que se mobilizarán nos vindeiros anos.

Segundo explicou Vázquez Mejuto, ademais de solicitar concreción dos programas, tamén trasladará ao Ministerio a necesidade de simplificar a tramitación administrativa das axudas en materia de vivenda dos distintos programas do Plan de recuperación e resiliencia da Comisión Europea e apostar por un instrumento áxil, eficaz e flexible e que permita ás comunidades o axuste dos termos da tramitación e os requirimentos concretos.

A conselleira aclarou que todas estas dúbidas e cuestións deben ser abordadas nunha reunión da Conferencia Sectorial, polo que solicitou a convocatoria urxente da mesma, para que as comunidades coñezan o reparto dos 5.320 M€ que se distribuirán entre as cinco modalidades previstas: o programa de rehabilitación para a recuperación económica e social en contornas residenciais; o de rehabilitación enerxética de edificios; o de transición enerxética e reto demográfico; para a rehabilitación sostible e dixital de edificios públicos; e, por último, o programa de axudas para a elaboración de proxectos piloto de plans de acción local da Axenda Urbana Española.

Non obstante, a conselleira salientou que, mentres se agarda pola información do Ministerio, a Xunta non queda parada e está a activar as liñas de axudas e programas que se recollen no Pacto Social pola Vivenda.

A modo de exemplo recordou as cinco liñas convocadas esta mesma semana, para a recuperación de edificios e vivendas de titularidade municipal por un importe de 1,7 millóns de euros; as axudas para actuacións nas tres áreas de rehabilitación supramunicipais, cun orzamento global de máis de 2 millóns; as subvencións ao programa de fomento da conservación, da mellora da seguridade e de accesibilidade, que contarán con 680.000 euros; e as axudas para infravivenda, cun orzamento inicial de case 275.000 euros.

Trátase duns incentivos que se completarán nos próximos días coa convocatoria das axudas ao alugueiro, así como das axudas a persoas en situación de vulnerabilidade pola covid-19, cun orzamento total entre as dúas de máis de 4 millóns de euros.