Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA MOBILIZARÁ PRETO DE 10 MILLÓNS DE EUROS A TRAVÉS DE CATRO LIÑAS DE AXUDAS A PARTICULARES PARA O PAGO DO ALUGUEIRO

• O DOG publica hoxe a convocatoria dunha orde de subvencións ao alugamento dotada con 2,27 millóns de euros e que se poderán solicitar a partir de mañá
• O 6 de abril está previsto que se convoquen tamén as axudas ao arrendamento dirixidas a persoas en situación de especial vulnerabilidade pola covid


Ourense, 30 de marzo de 2021.-
A partir de mañá poderanse solicitar as axudas ao alugueiro dirixidas a facilitar o acceso e mantemento da súa vivenda habitual a persoas e colectivos específicos con escasos recursos económicos. Así o anunciou esta mañá durante unha visita a Ourense a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen explicou que a orde de axudas publicada hoxe no DOG enmárcase no esforzo especial que realizará a Xunta este ano en materia de axudas ao alugueiro.

Neste sentido, a responsable autonómica indicou que o programa conta con dúas liñas diferenciadas: unha destinada á poboación en xeral, en cuxo caso o importe máximo da axuda poderá ser de 200 euros ao mes ou de 250 euros, se o solicitante ten máis de 65 anos; e outra dirixida ao colectivo de menores de 35 anos, que poderán optar grazas a ela a unha subvención de ata 250 euros. A duración da axuda será dun ano.

Esta nova convocatoria, enmarcada no Plan estatal de vivenda 2018-2021, conta cunha dotación global de 2,27 millóns de euros e poderá solicitarse a partir de mañá e durante o prazo dun mes. En canto aos posibles beneficiarios, aínda é pronto para facer estimacións pero, tal e como apuntou a conselleira, cómpre lembrar que, nestes momentos, máis de 5.000 galegos reciben axudas a través deste programa.

Durante un encontro con membros da Unidade Interdisciplinar de Traballo Social de Ourense, indicou que a Consellería ofrecerá ás persoas cunha situación económica delicada ou que se están a ver especialmente afectadas pola covid, catro programas de axudas directas para o pago dos seus alugueiros cun investimento total de case 10 millóns de euros.

Axudas para minimizar o impacto da covid
A Xunta tampouco é allea ao impacto que tivo e segue a ter a covid sobre a economía doméstica de moitas familias galegas. Por este motivo, Ángeles Vázquez indicou que se fará un esforzo especial para apoiar a todas aquelas unidades de convivencia con dificultades á hora de facer fronte ao pago das rendas da súa vivenda habitual.

A este respecto, anunciou que o vindeiro martes, 6 de abril, tamén se convocarán as axudas dirixidas a persoas en situación de especial vulnerabilidade pola covid-19. Cómpre lembrar que este programa se puxo en marcha o ano pasado para ofrecer unha resposta efectiva e específica a aquelas familias e colectivos que viron como se resentían os seus ingresos domésticos debido á pandemia, chegando a máis dun milleiro de beneficiarios en Galicia.
Este ano, a nova convocatoria das axudas ao alugueiro pola covid terá unha dotación de 2 millóns e, como principal novidade, cómpre subliñar os cambios introducidos nas bases co obxectivo de mellorar e axilizar a tramitación, grazas á experiencia adquirida o ano pasado.

Deste xeito, simplificaranse os anexos que se deben xuntar coa solicitude, modificarase a forma de xustificación para poder cobrar a axuda e mellorarase tamén o modo de pagamento, que en lugar de facerse mes a mes será por anticipado e pago único.

Ademais destas dúas novas liñas de axudas, a conselleira lembrou que o seu departamento tamén ten outros dous programas de axudas directas en materia de alugueiro que xa se convocaron para este ano. Así, referiuse ao Bono de alugueiro social, unha liña de subvencións creada para atender con carácter urxente a unidades de convivencia que pola súa situación de vulnerabilidade teñan dificultades para manter os seus fogares, e ao Bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero, impulsada co mesmo fin pero dirixida a un colectivo especialmente sensible e para o que a vivenda resulta clave.

Ambos programas convocáronse este ano por un importe global de 3,66 millóns aínda que atendendo á situación provocada pola covid, lembrou que durante todo 2021 os bonos alugueiro veranse complementados pola Xunta ata chegar ao 100% do custo das rendas dos beneficiarios, unhas axudas extraordinarias ás que destinará outros 1,98 millóns de euros.

Nova xornada con axentes e administradores de fincas
Por outra banda, esta mañá a conselleira participou tamén na inauguración dunha nova xornada en liña sobre o Pacto Social pola Vivenda 2021-2025, dirixida nesta ocasión aos administradores de fincas e aos axentes inmobiliarios.

Durante o webinario, que contou con 143 participantes, Ángeles Vázquez salientou o papel clave que xogaron ambos colectivos tanto na elaboración do devandito documento como na súa posta en práctica. Así, considerou de vital importancia para a Xunta poder contar “coa perspectiva e experiencia” dos axentes inmobiliarios, encargados de mediar, asesorar e xestionar sobre transaccións inmobiliarias, e dos administradores de fincas, responsables da xestión dos asuntos financeiros, legais e técnicos de comunidades de propietarios.

Neste sentido, agradeceulles a súa contribución no seo do Observatorio da Vivenda de Galicia ao deseño da que será a folla de ruta a seguir en materia residencial e que propón preto de 50 medidas e iniciativas –entre elas, 12 totalmente novidosas- coas que se mobilizará un investimento, entre fondos públicos e privados, duns 1.080 millóns de euros.

En concreto, referiuse a algunha das subvencións de especial interese para o sector xa que van dirixidas ás comunidades de propietarios, como son as axudas de eficiencia enerxética recentemente convocadas cun orzamento de 8,5 millóns para 2021 e que poderán solicitarse ata o 31 de xullo; ou o programa para a conservación, mellora da seguridade e accesibilidade, con prazo aberto ata o 30 de novembro e unha partida de 680.000 euros.