Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA REMATA A TRAMITACIÓN AMBIENTAL QUE PERMITE A AMPLIACIÓN EN 250.000 m2 DOS PARQUES EMPRESARIAIS DE PALAS DE REI E O CORGO

- A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático dá luz verde aos proxectos de interese autonómico cos que se aumenta a superficie destes polígonos industriais da provincia de Lugo

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2021
.- A Xunta de Galicia acaba de poñer fin á tramitación ambiental dos proxectos de interese autonómico para a ampliación en 250.000 metros cadrados dos parques empresariais de Palas de Rei e O Corgo.

Deste xeito, o Instituto Galego da Vivenda e Solo pode emprender as xestións necesarias para iniciar a ampliación de ambas superficies industriais da provincia de Lugo, tendo en conta que a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sotibilidade e Cambio Climático entende que non se esperan efectos ambientais significativos e non procede someter os proxectos a avaliación ordinaria.

Non obstante, como ocorre habitualmente, desde a Dirección Xeral suxírense unha serie de determinacións.

No caso de Palas de Rei, indican a necesidade de conter un estudo de paisaxe para concretar a incidencia visual desta proposta sobre o núcleo urbano e o Camiño Francés. Tamén se suxire unha reorganización dos terreos da reserva viaria para ampliar as superficie de espazos libres.

Cómpre recordar que a terceira ampliación deste parque empresarial está prevista no Plan sectorial de áreas empresariais vixente. Trátase dun ámbito que se localiza na estrada N-547, a uns 600 metros do núcleo principal e a 3 quilómetros do acceso a autovía Lugo-Santiago (AG-52).

A ampliación de Palas de Rei, que permitirá habilitar unha superficie de 42.280,56 m2, está xustificada polo feito de que as dúas fases existentes do único parque do municipio —ambas promovidas pola Xunta e que suman preto de 50.000 m2 de superficie destinada a parcelas- están xa vendidas na súa totalidade, polo que non hai opción de adquirir máis solo por parte das empresas interesadas.

Ampliación do Corgo
Ao igual que no caso de Palas de Rei, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental tamén traslada unha serie de indicacións en relación coa futura ampliación que a Xunta prevé no Corgo e que permitirá dispoñer de máis de 200.000 m2.

Entre as mesmas sinálase a necesidade de establecer unha axeitada conexión do ámbito cos sistemas xerais exteriores das infraestruturas hidráulicas, co fin de garantir o servizo de abastecemento e saneamento.

De xeito paralelo, o Instituto Galego da Vivenda e Solo avanza na segunda modificación do Plan sectorial de áreas empresariais, para axustar o ámbito do parque no mesmo; nos traballos técnicos, que permitirán a ampliación do parque empresarial; e, finalmente, estase a colaborar co Concello para garantir as conexións exteriores do ámbito.