Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA PON EN MARCHA DOUS NOVOS PROGRAMAS DE AXUDAS PARA FACILITAR ACTUACIÓNS DE REHABILITACIÓN TANTO POR PARTE DE PARTICULARES COMO POLOS CONCELLOS

- Sinala que a Administración autonómica destinará máis de 10 millóns de euros ao pago de xuros de préstamos para a rehabilitación de vivendas no período 2016-2021 dos que se poderán beneficiar máis de 6.000 familias

- Asegura que os beneficiarios deste programa poderán solicitar un período de carencia de dous anos durante os cales non pagarán capital

- Anuncia a creación do Fondo de cooperación a través do cal a Xunta concederá préstamos sen xuro aos concellos de menos de 50.000 habitantes para a realización de diversas obras de rehabilitación de edificacións

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello a posta en marcha de dous novos programas de axudas para facilitar actuacións de rehabilitación tanto por parte de particulares como polos concellos de menos de 50.000 habitantes.

 

No tocante ao Programa de préstamos para a rehabilitación de vivendas, Feijóo explicou que se poderán beneficiar del as persoas físicas promotoras de actuacións de rehabilitación cuxos ingresos non superen 6,5 veces o Iprem. E, no caso de actuacións promovidas por comunidades de propietarios no que as obras se realicen en elementos comúns do edificio, as persoas beneficiarias serán os membros da comunidade en función da súa porcentaxe de participación nas obras.

 

En total, a Administración autonómica destinará máis de 10 millóns de euros ao pago de xuros de préstamos para a rehabilitación de vivendas no período 2016-2021. E estímase que do programa se beneficien máis de 6.000 familias e que o importe dos préstamos concedidos se aproxime aos 180 millóns de euros.

 

Cómpre salientar ademais que o máximo dos préstamos será de 30.000 ou 60.000 euros, segundo se trate de préstamos de tipo persoal ou hipotecario, e terán unha duración de entre seis e 15 anos, podendo ser de tipo fixo ou variable e sen comisións.

Así mesmo, os beneficiarios poderán solicitar un período de carencia de dous anos durante os cales non pagarán capital. Desta maneira, para os beneficiarios con ingresos que on superen catro veces o Iprem, a cota mensual dos dous primeiros anos pode ser de cero euros.

 

Así, segundo os ingresos dos beneficiarios:

 

IPREM

SUBSIDIACIÓN MÁXIMA

DURACIÓN MÁXIMA

Menor ou igual a 4

100% dos xuros

48 meses

Maior de 4 e menor de 5,5

80% dos xuros

36 meses

Maior de 5,5 e menor de 6,5

Sen subsidiación

Duración do préstamo

Durante a rolda de prensa, o presidente da Xunta precisou que a orde establecerá que as actuacións de rehabilitación que se poderán financiar a través destas axudas serán: as obras de adecuación estrutural e construtiva e de adecuación das condicións de habitabilidade do edificio ou da vivenda, así como as accións de mellora de eficiencia enerxética. E, tamén están incluídas obras destinadas a arranxar os edificios ou as vivendas e os seus accesos á normativa vixente sobre accesibilidade e aquelas destinadas a adecuar o acabado xeral do edificio e das vivendas aos principios da boa construción.

 

A maiores disto, o Consello da Xunta autorizou tamén a creación do Fondo de cooperación como mecanismo para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes, que estará dotado con 10 millóns de euros.

 

Co obxectivo de facilitar que os concellos acometan actuacións de recuperación e posta en valor do patrimonio construído, optimizando ámbitos en estado deficiente de conservación, Feijóo subliñou que a través desta iniciativa a Xunta concederá préstamos sen xuro aos concellos para a realización de diversas obras de rehabilitación de edificacións, co compromiso das administracións locais de devolver as cantidades percibidas.

 

Deste xeito, e con cargo ao fondo de cooperación, poderán financiarse: actuacións promovidas polos concellos no desenvolvemento das competencias que lles atribúe a lexislación urbanística, en relación cos deberes de conservación e rehabilitación; actuacións de rehabilitación e rexeneración urbanas realizadas polo concello dentro das propias políticas municipais en materia de conservación e recuperación do patrimonio construído; e a adquisición de inmobles para a súa posterior rehabilitación.

 

O responsable do Goberno galego resaltou que os concellos interesados en solicitar financiamento do Fondo de cooperación deberán solicitar do IGVS a sinatura dun acordo de adhesión a dito fondo, no que constarán, entre outros aspectos, as actuacións a realizar polo concello, a contía a dispoñer e o prazo e condicións de reintegro.

 

Feijóo concluíu incidindo en que con estas dúas iniciativas a Administración autonómica segue apostando pola rehabilitación, “para que aqueles particulares que queiran rehabilitar as súas vivendas teñan axudas para facelo, pero tamén para que as administracións sigamos implicadas nesta materia”.