Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O documento foi aprobado polo Consello da Xunta o pasado 15 de setembro

O DIARIO OFICIAL DE GALICIA PUBLICA O PROXECTO SECTORIAL QUE DESBLOQUEA A AMPLIACIÓN DO POLÍGONO EMPRESARIAL DA PASAXE, EN GONDOMAR, E LLE DÁ SEGURIDADE XURÍDICA

§  O parque queda dividido en dous polígonos que se desenvolverán por separado e por sistemas diferentes

§  No polígono 1, no que xa existen empresas instaladas, aplicarase o sistema de cooperación, realizando o concello as obras con cargo aos propietarios do solo

§  No polígono 2 o sistema empresado será a expropiación

 

Santiago, 30 de setembro de 2016.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución pola que se fai pública a modificación do proxecto sectorial do parque empresarial da Pasaxe, nos concellos de Gondomar e Vigo, aprobada polo Consello da Xunta o pasado 15 de setembro de 2016. A aprobación deste proxecto sectorial supón desbloquear a ampliación deste centro empresarial e concederlle plena seguridade xurídica. goo.gl/HEqtWI

 

Xunto coa aprobación da modificación do proxecto sectorial publícanse as disposicións normativas do mesmo, nas que se definen e regulan os usos e condicións do solo incluído no parque empresarial.

 

A aprobación e entrada en vigor da modificación puntual do proxecto sectorial supón o fin dos trámites realizados pola Xunta,  despois de acadar o acordo cos empresarios asentados na zona, o Concello de Gondomar e a comunidade de montes, que permiten dar seguridade xurídica ás empresas actualmente instaladas na Pasaxe.

 

A modificación do proxecto sectorial tamén garante a creación de novas empresas e uns 1.000 postos de traballo novos, segundo a asociación de empresarios. No parque da Pasaxe existen actualmente preto de 100 empresas, con máis de 3.000 postos de traballo, que se atopaban en situación de alegalidade ao no contar o polígono coas condicións que esixe a normativa vixente.

 

Dous polígonos

A modificación divide o proxecto sectorial da Pasaxe en dous polígonos que corresponden á zona de empresas xa consolidada e na que se atopan instaladas as empresas existentes na Pasaxe (Polígono 1) e e á zona pendente de urbanizar (Polígono 2).

 

O Polígono I da Pasaxe, cuxo ámbito se corresponden coa zona xa consolidada, desenvolverase mediante o sistema de xestión urbanística de Cooperación. As actuacións a realizar (regularización da ordenación, obras de reurbanización, cesión dos terreos destinados a viais, zonas verdes e equipamento, etc.) serán acometidas polo concello de Gondomar con cargo aos propietarios do solo.

 

Na modificación do proxecto sectorial aprobada hoxe establecese que o segundo polígono, onde é  preciso executar a urbanización correspondente, será xestionado mediante o Sistema de Expropiación. A división en polígonos permite desenvolver cada un deles de forma independente e urbanizar o polígono 2 en función da demanda de solo empresarial existente en A Pasaxe.

 

Ademais, a modificación recolle un lixeiro incremento do ámbito orixinal do proxecto sectorial actualmente en vigor xa que se incorporan ao ámbito uns terreos que inicialmente estaban excluídos do parque.

 

Na súa totalidade, o ámbito do proxecto sectorial do parque empresarial da Pasaxe comprende 592.481,55 metros cadrados, dos que 204.426,71 compoñen o polígono 1 e 388.054,84 o polígono 2, pendente de urbanizar.