Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A conselleira de Vivenda presentoulles hoxe aos responsables de ASEMACO as novas iniciativas que o Goberno galego vai impulsar nesta lexislatura para seguir potenciando a rehabilitación e rexeneración urbana nas vilas e cidades

ETHEL VÁZQUEZ SALIENTA QUE A XUNTA DESTINARÁ O VINDEIRO ANO PARTIDAS PARA A REHABILITACIÓN DE VIVENDAS QUE XERARÁN INVESTIMENTOS DE MÁIS DE 70 MILLÓNS DE EUROS

 

  • Estas partidas vanse dirixir, entre outras medidas, ao Fondo de Cooperación cos Concellos, a través de préstamos a interese cero a municipios de menos de 50.000 habitantes para recuperar edificios dos cascos históricos
  • Outras das iniciativas da Xunta para impulsar a rehabilitación nesta lexislatura é o Programa de concesión de préstamos, sen intereses, a particulares, para que realicen actuacións de renovación nas súas vivendas
  • No caso da cidade de Vigo, só o Consorcio Casco Vello asignará o vindeiro ano máis de 2 millóns de euros a continuar coa rehabilitación de inmobles
  • A conselleira destaca que estas medidas contribúen á conservación do patrimonio construído, á mellora da calidade de vida dos cidadáns e ao acceso a unha vivenda digna
  • Subliña a importancia de potenciar o eido da rehabilitación, xa que concretou que este sector é o que máis postos de traballo xera por euro investido

 

Vigo, 25 de novembro de 2016.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo con responsables da Asociación de Empresarios de Materiais para a Construción (ASEMACO), na que destacou que o Goberno galego destinará en 2017 partidas de rehabilitación que xerarán investimentos de máis de 70 millóns de euros.

 

Vázquez Mourelle explicou que estas partidas contemplan rehabilitacións directas da Xunta a través do programa REXURBE; o Fondo de Cooperación cos Concellos; e as reservadas para outras subvencións e axudas como o programa Vivendas do Camiño, ou ás áreas de rehabilitación integral, entre outras.

 

Cómpre lembrar que o Fondo de Cooperación dirixirase á concesión de préstamos a interese cero aos concellos de menos de 50.000 habitantes para que poidan recuperar edificacións dos seus cascos históricos ou realizar outras intervencións en materia de rehabilitación.

 

Outras das iniciativas da Xunta para impulsar a rehabilitación nesta lexislatura é o Programa de concesión de préstamos, sen intereses, a particulares, para que realicen actuacións de renovación nas súas vivendas.

 

No caso concreto da cidade de Vigo, só o Consorcio Casco Vello destinará o vindeiro ano máis de 2 millóns de euros a continuar coa rehabilitación de inmobles. A estes investimentos cómpre sumarlle outros 2 millóns que se dedicarán á construción de novas vivendas de promoción pública.

 

A titular de Vivenda subliñou que estas accións permitirán avanzar en tres obxectivos prioritarios para o Goberno galego: contribuír á conservación do patrimonio construído e á mellora da calidade de vida dos cidadáns; facilitar o acceso a unha vivenda digna; e apoiar ao sector da construción, que verá incrementada a súa actividade e a demanda de materiais.

 

Ethel Vázquez fixo fincapé na importancia de potenciar o eido da rehabilitación, xa que concretou que este sector é o que máis postos de traballo xera por euro investido. 

A conselleira, ademais de explicar estes investimentos e liñas de subvencións e axudas previstas na Xunta, destacou a necesidade de colaboración para difundilas e facelas chegar aos posibles beneficiarios.