Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA PUBLICA UNHA NOVA CONVOCATORIA DAS AXUDAS PARA A REHABILITACIÓN DE ANTIGAS CASAS DE MESTRES, CUN ORZAMENTO DE CASE 1 MILLÓN DE EUROS

- O Goberno galego subvencionará ata o 90 % da rehabilitación destes antigos inmobles para destinalos ao alugueiro por familias con poucos ingresos
- Os concellos poderán recibir ata 40.000 euros para a rehabilitación de cada vivenda, contía que se incrementa ata 48.000 euros se están en ámbitos históricos ou nos Camiños de Santiago
- Os municipios interesados poderán presentar as súas solicitudes a partir de mañá e ata o 1 de xuño de 2018


Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2017.- A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova convocatoria de axudas para a rehabilitación de antigas casas de mestres, cun orzamento de case 1 millón de euros.

O Goberno galego subvencionará ata o 90 por cento do custe da rehabilitación de antigas vivendas de mestres e doutros oficios, así como outras edificacións de titularidade municipal, co obxecto de que unha vez rehabilitadas se destinen, en réxime de alugamento, a unidades de convivencia con escasos recursos económicos.

A dotación orzamentaria da convocatoria é de 948.332 euros, o que supón un incremento de máis do 80 por cento respecto das axudas concedidas na convocatoria de 2017, na que se concederon o cen por cento das axudas solicitadas para a anualidade 2017 e se esgotou o crédito correspondente á anualidade 2018.

A convocatoria que hoxe se publica no Diario Oficial de Galicia conta con dúas anualidades, correspondentes a 2018 e 2019. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información: https://goo.gl/yMrPyR

Poderán beneficiarse destas axudas de rehabilitación os concellos de menos de 20.000 habitantes nos que existan demandantes de vivenda inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia e cumpran os requisitos establecidos.

A axuda por cada vivenda será como máximo de 40.000 euros, contía que se incrementa ata os 48.000 euros no caso de que as vivendas se empracen en ámbitos históricos ou dos Camiños de Santiago.

Consideraranse actuacións subvencionables a execución de obras de rehabilitación en edificacións e en vivendas de titularidade municipal que garantan o cumprimento dos requisitos básicos de funcionalidade, seguridade, habitabilidade e/ou accesibilidade. As actuacións poderán executarse nos prazos que resulten da resolución de concesión, sen que en ningún caso poda exceder este prazo de 12 meses.

As vivendas resultantes da rehabilitación deberán ser destinadas polos concellos ao alugueiro por parte de unidades de convivencia con ingresos inferiores a 2,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples, que destinarán a vivenda a residencia habitual e permanente. Os destinatarios das vivendas deberán estar inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda.

Os concellos interesados poderán presentar as súas solicitudes a partir de mañá e ata o 1 de xuño de 2018, salvo esgotamento previo do crédito orzamentario.

Na convocatoria de 2017 concedéronse axudas a seis concellos por un importe total de máis de 524.000 euros. Os concellos beneficiados foron os seguintes:

 

PROVINCIA

CONCELLOS

Nº VIVENDAS RESULTANTES

A CORUÑA

Rianxo

6

Santiso

1

LUGO

Trabada

1

OURENSE

A Peroxa

2

Cualedro

5

PONTEVEDRA

Mos

1

TOTAL

 

16