Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA DESTINA PRETO DE 3,5 MILLÓNS DE EUROS Á CONSTRUCIÓN DE 26 VIVENDAS NA RÚA CHANTADA, EN VIGO

- Actualmente a Administración autonómica mantén en execución actuacións en materia de vivenda no concello de Vigo por importe de preto de 40 millóns de euros
- Ás vivendas licitadas hoxe polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) súmanse as 36 da rúa Ignacio Grobas licitadas en decembro de 2017 
- Tamén está adxudicada a obra de rehabilitación en materia de eficiencia enerxética de 34 vivendas de promoción pública emprazadas na rúa Menéndez Pelayo
- Na ampliación de San Paio de Navia investíronse 10 millóns de euros na adquisición de solo en compravenda e reserva 15 para a adquisición do solo restante
- As catro áreas de rehabilitación de Vigo teñen convenios en execución por importe de 2,78 millóns de euros e o CCVV executa investimentos por máis de 2,35 millóns
 

Vigo, 8 de marzo de 2018.- A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, investirá preto de 3,5 millóns de euros na construción de 26 vivendas de promoción pública na rúa Chantada, en Vigo.

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García Porto, e o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, indicaron que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio de licitación das obras de construción destas vivendas, por importe de 3.393.425,97 euros, e da dirección de execución e coordinación de seguridade e saúde da obra por importe de 65.072,51 euros, tal e como pode comprobarse na seguinte ligazón: https://goo.gl/udjuxp

Tal e como detallou o responsable do IGVS, o edificio a construír constará dun soto no que se emprazarán as prazas de garaxe, planta baixa con dous portais, vivendas e 26 rochos, e plantas primeira, segunda, terceira e baixo cuberta con vivendas. Haberá 1 vivenda de 4 dormitorios, 3 vivendas de 2 dormitorios e 22 vivendas de 3 dormitorios. Tres das vivendas de 2 dormitorios estarán adaptadas ao seu uso por persoas con mobilidade reducida. Segundo dixo García Porto, o prazo de execución será de 24 meses e se traballa coa previsión de que poidan ser adxudicadas no primeiro semestre de 2020.

Os interesados en acudir á licitación teñen a partir de hoxe un prazo de 26 días para a presentación das súas ofertas.

Cómpre lembrar que actualmente o Executivo galego mantén en execución no concello de Vigo actuacións en materia de vivenda por importe de preto de 40 millóns de euros, tal e como quixo remarcar o delegado en Vigo, que subliñou que a Xunta de Galicia é a Administración que máis inviste na cidade, “tamén en materia de vivenda como podemos ver”.

Neste senso, López-Chaves non deixou pasar a oportunidade de agradecer a Consellería de Infraestruturas e Vivenda a súa aposta, a través do IGVS, coa maior inversión no eido da vivenda de promoción pública en Galicia.

Cambeses 
Esta é a segunda obra de vivendas de promoción pública que licita o Instituto Galego da Vivenda e Solo, xa que o pasado 26 de decembro de 2017 licitou a construción doutras 36 vivendas de promoción pública na rúa Ignacio Grobas, nas dúas parcelas do plan parcial de Cambeses, por 5 millóns de euros. Nos dous casos as parcelas foron cedidas polo Concello, que recibirá a cambio o 10 por cento da edificabilidade.

Ademais, o IGVS ten adxudicada outra obra en vivendas de promoción pública na rúa Menéndez Pelayo. Neste caso trátase dunha actuación de rehabilitación en eficiencia enerxética, que permitirá reducir nun 20 por cento, como mínimo, a demanda enerxética das 34 vivendas de promoción pública emprazadas na devandita rúa, nos bloques 15 e 17. O investimento neste caso será de preto de medio millón de euros.

San Paio de Navia
Por outra banda, o Goberno galego está a traballar na ampliación do solo residencial para vivenda protexida de San Paio de Navia, no que xa investiu 10 millóns de euros na adquisición de solo (máis de 50.000 metros cadrados para a construción de 1.600 vivendas protexidas) en compravenda e prevé investir outros 15 millóns na adquisición do solo restante por permuta ou expropiación para posteriormente proceder a súa urbanización.

Rehabilitación
Cómpre lembrar que a Administración autonómica participa co 90 por cento no Consorcio do Casco Vello de Vigo (CCVV), que en 2018 investirá máis de 2,35 millóns de euros na rehabilitación de vivendas no conxunto histórico da cidade, co obxectivo de que ao final do plan de actuación foran rehabilitadas un total de 150 vivendas.

Asemade, Vigo conta con catro áreas de rehabilitación declaradas, nas que están en execución convenios que rozan os 3 millóns de euros en axudas públicas.