Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA ADXUDICA A REHABILITACIÓN DO INMOBLE DA RÚA RECANTO DO MIÑO 17, NO BARRIO LUCENSE DA TINERÍA

- Con esta son xa catro as obras adxudicadas pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda neste enclave
- Dúas destas obras iniciaranse no verán, ao dispoñer xa de licencia municipal
- As outras dúas iniciaranse en canto o concello conceda a licencia de obras
- As catro obras supoñen un investimento conxunto de 1,2 millóns de euros e darán lugar a 9 vivendas e 2 locais comerciais


Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2018.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de adxudicar hoxe a rehabilitación do edificio emprazado na rúa Recanto do Miño 17, o que fai que neste intre sexan xa catro as obras adxudicadas para rehabilitación doutros tantos inmobles no barrio lucense de A Tinería.

A rehabilitación deste inmoble foi adxudicada por preto de 88.000 euros e dispón dun prazo de execución de doce meses dende o inicio das obras. Neste inmoble obterase unha vivenda cando remate a rehabilitación.

Actualmente a Xunta conta con catro obras adxudicadas no barrio da Tinería, correspondentes aos inmobles emprazados nos números 15 e 30 da rúa Tinería e os números 17 e 11-13 da rúa Recanto do Miño.

As obras de rehabilitación de Tinería 30 (adxudicada o 11 de maio por 200.681,36 euros) e as de Recanto do Miño 17, adxudicada hoxe, xa contan con licencia municipal, polo que as obras de ambas se iniciarán neste verán.

Polo que respecta ás obras de Tinería 15 e Recanto do Miño 11-13, que foron adxudicadas en novembro de 2017 e maio de 2018 respectivamente, as obras iniciaranse en cando dispoñan da correspondente licencia municipal.

No seu conxunto, a rehabilitación dos catro inmobles adxudicados supoñen un investimento de 1,2 millóns de euros, e darán lugar a nove vivendas e dous locais comerciais.

Por outra parte, está en redacción o proxecto de execución, para a construción de 11 vivendas de promoción pública, rochos, locais e urbanización do espazo exterior, no ámbito da denominada U.I.8.