Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A Xunta fai público o fallo da segunda edición dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia, cun total de catro galardóns

OS PREMIOS GALEGOS DE ARQUITECTURA DISTINGUEN AO CAMPUS DA AUGA DE OURENSE, A EDAR DE VIGO E AS INSTALACIÓNS DE FINSA EN SANTIAGO

• O premio na categoría de Arquitectura é compartido polos tres proxectos en Ourense, Vigo e Santiago
• En rehabilitación o galardón é para a recuperación da antiga fábrica de curtidos de Pontepedriña de Arriba, en Santiago
• O premio de sustentabilidade correspondeu ás instalacións de Norvento en Lugo
• Javier Suances recibirá o premio especial á traxectoria profesional


Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2018.- Os proxectos do Campus da Auga (Ourense) a Edar de Vigo e as instalacións de Finsa en Santiago, veñen de ser distinguidos na categoría de Arquitectura. Nesta convocatoria dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia, promovidos pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda, estes tres proxectos comparten galardón neste mesmo apartado.

Nesta mesma categoría de Arquitectura, o xurado concedeu ademais mencións aos proxectos dunha vivenda unifamiliar en Cee e dun apartamento en Noia.

Na categoría de Rehabilitación o premio foi para a recuperación da curtiduría de Pontepedriña de Arriba, en Santiago, na que se instalou o Centro de Formación en rehabilitación. E as mencións neste apartado recaeron na rehabilitación de vivendas da Ferrería (Vigo) e o acondicionamento do cuartel da Guarida Civil en Ferrol.

Na categoría de Sustentabilidade o premio foi concedido ao proxecto das instalacións de Norvento no parque empresarial das Gándaras, en Lugo.

Premio de Arquitectura
Con respecto a estes tres proxectos que recibiron conxuntamente o premio na categoría de Arquitectura cabe sinalar que o edificio do Campus da Auga é un proxecto de Alfredo Freixedo Alemparte e Pedro Diéguez Iglesias, o edificio está emprazado no campus de Ourense da Universidade de Vigo e está destinado aos laboratorios de investigación relacionados coa auga.

Con relación á Edar de Lagares, en Vigo, o galardón distingue o proxecto do realizado por Perfecto Cendón e Javier Vázquez.

Mentres que o proxecto das instalación de Finsa, redactado por Miguel Alonso Flamarique, Roberto Erviti Machain, Mamen Escorihuela Vitales e Antón Varela García, distingue a reforma integral dos dous edificios de oficinas existentes, a construción dun novo edificio de conexión entre ambos e a urbanización da súa entorno.

As mencións nesta categoría corresponden a casa unifamiliar en Cee, de Juan José Creus Andrade e Covadonga Carrasco López. E ao aparcamento na rúa Xuíz Falcone, en Noia, de Alfonso Salgado Suárez e Francisco Xabier Liñarez Túñez

Premio de rehabilitación
Na categoría de rehabilitación premiase á Curtiduría, proxecto foi redactado por Víctor López Cotelo e Ángel Panero Pardo, consistente na recuperación da antiga fábrica de curtidos emprazada en Pontepedriña de Arriba, en Santiago, e ao que a Fundación Laboral de la Construcción dedicou, unha vez rehabilitada, ás instalacións do Centro de Referencia de Formación en Rehabilitación.

As dúas mencións neste apartado corresponden ao proxecto de Eva Castro Álvarez, de rehabilitación de vivendas na Ferrería, en Vigo e ao proxecto de acondicionamento do cuartel da Guardia Civil en Ferrol, do Estudio Anta Arquitectos, Sergio Beceiro Lodeiro e Rosa Vilas Ramalde.

Premio Sustentabilidade
O premio á sustentabilidade foi concedido ao proxecto das instalacións que a empresa Norvento construíu no parque empresarial das Gándaras (Lugo), e que se traduce nun edificio autónomo enerxética mente, non conectado á rede. Este proxecto foi redactado por Francisco Mangado.

Traxectoria profesional
Finalmente, o arquitecto Javier Suances foi distinguido co premio especial à traxectoria profesional polo xurado dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia que este ano celebrou a súa segunda edición, deste premio de carácter bianual que convoca o departamento de Infraestruturas da Xunta.