• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda adiantou esta mañá que o Diario Oficial
de Galicia publica hoxe o anuncio de inicio da expropiación para a adquisición de case 120.000
metros cadrados
• A previsión do seu departamento é iniciar en 2019 as obras de urbanización, que implican
un investimento de máis de 3,3 millóns de euros
• Recorda que na actualidade Xinzo de Limia carece de solo empresarial, adxudicado na súa
totalidade grazas aos incentivos postos en marcha pola Xunta
Xinzo de Limia (Ourense), 26 de novembro de 2018.- A Consellería de Medio
Ambiente, Territorio e Vivenda avanza hoxe un novo paso na tramitación necesaria para a ampliación
do Polígono Empresarial de Xinzo de Limia, co inicio do proceso de expropiación dos terreos que
permitirán executar o que se denominará Polígono 2.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, adiantou esta mañá,
durante unha visita ao Polígono Empresarial, que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio
de inicio da expropiación, que estará a disposición pública durante un mes. Indicou que con esta
ampliación disporanse de case 120.000 m2, dos que máis dun 70% -case 86.000 m2-, serán a superficie
bruta destinados ás 23 novas parcelas de uso industrial e comercial.
Ángeles Vázquez indicou que o Goberno galego ten un obxectivo claro: acometer a ampliación
deste polígono empresarial; polo que -unha vez que se adquiran os terreos- se redactará o proxecto
de urbanización e a contratación das obras. Así, a previsión do Instituto Galego de Vivenda e Solo
é iniciar os traballos de urbanización dos terreos no vindeiro ano. Esta actuación implica un
investimento de máis de 3,3 millóns de euros.
Salientou a necesidade desta actuación, dado que na actualidade Xinzo de Limia non dispón de
solo empresarial, xa que está “totalmente adxudicado” en boa medida grazas aos incentivos postos en
marcha pola Xunta de Galicia. Aclarou que un total de 40 empresas radican neste parque empresarial,
situado nas proximidades da autovía A-52, unha zona estratéxica e atractiva para as empresas.
A conselleira destacou que ao longo 2019 manteranse as bonificacións, e o impulso e promoción
de novos parques empresariais onde se constate demanda, xa que as cifras recollidas ao longo destes
anos, son unha mostra do éxito da política de bonificación activada pola Xunta. Desde 2015
establecéronse axudas de ata un 50% no prezo do solo, polo que este incentivos permitiron adxudicar
preto de 1,3 millóns de m2 de solo en toda Galicia, que supoñen máis do 45% da superficie
dispoñible para venda en 2015. É dicir, nestes tres anos as bonificacións totais suman máis de 39
millóns de euros e permitiron a instalacións de 270 empresas en polígonos empresariais de toda
Galicia.
Defendeu que facilitando novos investimentos e impulsando a actividade económica dos
concellos, favorécese o mantemento e creación de emprego na zona e, en consecuencia, a fixación de
poboación. Nese sentido, salientou os investimentos que se farán en áreas como a de Morás en
Arteixo e as obras e traballos técnicos en parques como As Gándaras en Lugo, Castro de Ribeiras de
Lea ou en Ponte Caldelas.