• Esta operación enmárcase no programa Rexurbe, unha iniciativa impulsada este ano polo IGVS co
fin de adquirir edificios en estado de abandono nos concellos de Ferrol, Betanzos, Ourense e Lugo
para destinalos a vivendas protexidas
• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliña que o seu
departamento ten comprometidos case 11 millóns de euros en diferentes actuacións e proxectos a
futuro que porán a disposición dos veciños de Ferrol Vello 38 novas vivendas protexidas e 1 local
comercial
• Tamén salienta os 7,46 millóns de euros executados ou previstos en axudas para accións de
recuperación das catro áreas de rehabilitación integral do concello
Ferrol, 11 de decembro de 2018-. A Xunta investirá preto de cinco millóns de euros
na adquisición e rehabilitación dun total de 13 inmobles localizados no casco histórico de Ferrol
co fin de destinalos a vivendas protexidas. O obxectivo é pechar a operación de compra antes de que
remate o ano, tal e como avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles
Vázquez, no transcurso dunha visita á cidade.
Estas novas actuacións enmárcanse no chamado programa Rexurbe, unha iniciativa pioneira
impulsada polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) co fin de adquirir para rehabilitar
edificios en estado de abandono e deteriorados nos concellos de Ferrol, Betanzos, Ourense e Lugo.
Con este obxectivo, Vázquez Mejuto explicou que o instituto sacou a comezos de ano unha oferta
pública para a compra de inmobles e tras analizar todas as propostas recibidas en Ferrol, escolleu
un total de 13 edificios que prevé mercar antes de que remate decembro por un total de 900.000
euros.
A esta cantidade engadiranse os catro millóns de euros reservados para acometer as obras de
restauración necesarias para poder destinar estes inmobles a vivenda protexida. Neste sentido, a
conselleira concretou que grazas ás actuacións previstas no marco do Rexurbe e a outros dous
proxectos que o IGVS ten xa en marcha no casco histórico, os ferroláns terán á súa disposición 38
novas vivendas protexidas e 1 local comercial, que se sumarán aos outros 12 pisos xa restaurados
nesta zona por Xestur.
A estes novos proxectos en materia de rehabilitación no casco histórico cómpre sumar tamén o
investimento realizado e previsto co fin de poñer en valor a área de rehabilitación integral (ARI)
da Madalena e Ferrol Vello. En total, a consellería destinará a esta zona 10,73 millóns de euros,
incluídos os case cinco millóns de euros comprometidos para o Rexurbe, o medio millón que se
investirá nos dous proxectos xa redactados para conseguir catro vivendas de protección e un local
nas rúas Argüelles e Virxe, e os máis de cinco millóns executados nos últimos anos ou en execución
para axudas dentro da ARI.
Máis alá das actuacións en marcha e previstas en Ferrol Vello, Ángeles Vázquez salientou o
esforzo realizado polo seu departamento en materia de vivenda no conxunto deste municipio.
Concretamente, referiuse ao importante investimento comprometido en rehabilitación nas catro ARIS
da cidade: Madalena e Ferrol Vello, Barrio da Graña, Barrio de Esteiro Vello e Barrio de Recimil.
Estas catro zonas, engadiu, recibirán un importante pulo a través dos 7,46 millóns de euros
executados xa ou comprometidos en axudas a particulares para acometer a rehabilitación dos seus
inmobles.
Aposta decidida pola rehabilitación
A aposta da Xunta polas medidas para garantir a recuperación do patrimonio xa construído terá
o seu reflexo nos orzamentos do próximo ano. Así o salientou a conselleira, quen lembrou que este
capítulo recibirá un pulo importante ao dispoñer de 36 millóns para financiar os distintos
programas e axudas á rehabilitación promovidos polo IGVS. Neste sentido, resaltou que as partidas
reservadas para este tipo de actuacións creceron só nos dous últimos anos un 20%.
O esforzo económico da Xunta verase tamén reforzado coas novidades normativas nas que
traballa o seu departamento. Ángeles Vázquez referiuse concretamente á futura Lei de
Rehabilitación, a primeira de Galicia e cuxa tramitación continúa avanzando co fin de axilizar e
mellorar os procedementos necesarios para impulsar este tipo de actuacións.