• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o conselleiro delegado de Abanca
asinaron esta mañá o documento de colaboración, que rexerá ata o ano 2022
• O convenio con esta entidade bancaria é unha das medidas da Axenda Social activada pola
Xunta, pola que se definiron ata 12 medidas para evitar e paliar os desafiuzamentos hipotecarios ou
por impagos do alugueiro
Santiago de Compostela, 5 de abril de 2019.- A Xunta de Galicia e Abanca veñen de
renovar o convenio de colaboración para ceder vivendas de alugueiro social a máis de oitenta
familias. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro
delegado de Abanca, Francisco Botas Ratera, renovaron o convenio de colaboración asinado en 2015,
para destinar vivendas de alugueiro social cedidas pola entidade ata o ano 2022.
Grazas á renovación deste convenio (o primeiro asinouse en 2015) prolongase por tres anos
máis, ata o 2022, a cesión de vivendas por parte da entidade financeira para destinalas a alugueiro
social por parte da Xunta de Galicia permitindo continuar residindo nas súas vivendas, en réxime de
alugueiro social, a familias afectadas por execucións hipotecarias.
Ademais, o novo convenio establece a posibilidade de cesión de novas vivendas por parte da
entidade, que o IGVS destinará a atender casos de emerxencia social.
Este medida é acorde cos fins que establece o programa Realoxo de afectados por execucións
hipotecarias, co que se pretende dar unha resposta a aquelas persoas que perderan a súa vivenda e
ofrecer un domicilio alternativo a aqueles que perderan a súa única vivenda. Facilítase un inmoble
propiedade do IGVS ou inmobles cedidos á Xunta polas entidades financeiras.
A conselleira de Medio Ambiente recordou que para aqueles casos que precisan dun apoio
urxente, cóntase co Bono de Alugueiro Social. Trátase dunha axuda cun importe máximo de 225 euros
mensuais que se concede por un período de 12 meses prorrogables ata un total de tres anos. Ademais,
inclúe unha axuda única adicional de 600 euros para facer fronte a pagos atrasados ou aos gastos de
formalización dun novo contrato.
Ángeles Vázquez asegurou que a Xunta traballa para que os cidadáns non perdan o seu fogar,
por iso dentro da Axenda Social, definíronse e activáronse un total de 12 medidas encamiñadas a dar
cobertura ás persoas en risco de perder a súa vivenda ou que xa a perderon por non poder facer
fronte ao pagamento da cota hipotecaria.
Son ferramentas que pretenden garantir unha axuda da Xunta a todas as persoas afectadas que o
soliciten e cumpran os requisitos.
Pola súa parte, o conselleiro delegado de Abanca reiterou que a entidade se suma novamente a
esta iniciativa “porque é unha ferramenta positiva para axudar ás persoas que atravesan situacións
de dificultade relacionadas coa súa vivenda”. Francisco Botas asegurou que Abanca seguirá adoptando
todas aquelas medidas, xa sexan a título individual ou en colaboración, que permitan achegar
solucións a este problema.