Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE INICIA O PROCESO DE ADXUDICACIÓN DE SEIS VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA EN FERROL, A CORUÑA, MAÑÓN E AS PONTES

• Tres dos inmobles están reservados para solicitantes menores de 35 anos ou maiores de 65, e os tres restantes sortearanse entre todas as persoas inscritas en cada un destes concellos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2019.-
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), iniciou hoxe o procedemento para a adxudicación de seis vivendas de promoción pública (VPP) dispoñibles nos concellos de Ferrol, A Coruña, As Pontes e Mañón. Así se recolle no Diario Oficial de Galicia, que publica as resolucións nas que se dá conta dos acordos acadados ao respecto pola Comisión Provincial de Vivenda da Coruña.

Cómpre precisar que estas seis VPP, propiedade do IGVS, foron recuperadas pola Xunta ao quedar vacantes despois de que os seus anteriores adxudicatarios renunciasen ao seu dereito sobre as mesmas.

Concretamente, nos concellos de Ferrol e As Pontes de García Rodríguez adxudicaranse unha e dúas vivendas respectivamente, sendo en ambos casos aloxamentos protexidos en réxime de alugueiro reservados ao colectivo de persoas menores de 35 anos ou maiores de 65. Ademais, no caso da vivenda que se oferta en Ferrol, cómpre precisar que o interior está adaptado para o seu uso por persoas con mobilidade reducida.

Así mesmo, no Concello da Coruña adxudicarase unha vivenda e no de Mañón outras dúas. Neste caso, poden optar aos inmobles todos os solicitantes que estean inscritos en ambos concellos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma, sen limitacións de idade.

O sorteo ante notario entre os demandantes que figuren no rexistro está fixado para o próximo 3 de xuño. Unha vez realizado, procederase á publicación da lista provisional de persoas adxudicatarias e de espera, e será de novo a Comisión Provincial de Vivenda a que dite a resolución correspondente, aprobando a lista definitiva de adxudicatarios e de agarda.