• O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria destas axudas, incluídas no Plan
Estatal de Vivenda 2018-2021 e que se poderán solicitar durante un mes
Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2019-. A Xunta de Galicia, a través da
Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, destinará un total de 17.104.300 euros a
financiar as axudas dos programas de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade
en vivendas e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da
accesibilidade incluídos no Plan Estatal de Vivenda 2018-2021. Así consta na resolución que publica
hoxe o Diario Oficial de Galicia e pola que se abre un prazo dun mes para a presentación de
solicitudes, a contar a partir de mañá.
A convocatoria conta con dúas liñas de axudas diferenciadas: a Liña A, dirixida a
subvencionar obras que incidan na eficiencia enerxética e na sustentación en vivendas, con especial
atención á envolvente dos edificios; e a Liña B, para o fomento da conservación, da mellora da
seguridade de utilización e da accesibilidade de vivendas. A primeira destas liñas está dotada con
8.121.000 euros para as anualidades que van de 2019 a 2021, mentres que a segunda conta cunha
partida de 8.983.300 euros para o mesmo período.
Concretamente, entre as actuacións subvencionables figuran a mellora da envolvente térmica da
vivenda ou do edificio; a instalación de sistemas de calefacción, refrixeración, produción de auga
quente sanitaria e ventilación para o acondicionamento térmico ou o incremento da eficiencia
enerxética dos xa existentes; a instalación de equipos de xeración ou que permitan a utilización de
enerxías renovables e as actuacións que melloren o cumprimento da normativa técnica en cuestións
como o illamento sonoro.
Dentro da Liña A inclúense tamén aquelas obras que afecten a elementos cuxo tratamento
permita reducir de forma efectiva no interior da edificación a media anual de concentración de
radón a niveis inferiores a 300 Bq/m3 ou nas que, sen alcanzar o devandito nivel, se reduza a
concentración inicial en, polo menos, un 50 por cento.
Ademais, en edificios de topoloxía residencial colectiva subvencionarase a mellora da
eficiencia enerxética das instalacións comúns como ascensores e iluminación; a optimización do
subministro de auga e o aforro da mesma; a mellora do saneamento separativo e outras intervencións
que afectan a factores como a redución do consumo de auga en zonas comúns ou o fomento da
mobilidade sustentable.
Por outra banda, na liña B considéranse actuacións sustentables as relativas á conservación
da cimentación, da estrutura, das instalacións, de cubertas e fachadas, a adecuación interior da
vivenda unifamiliar, instalación de ascensores, salva escaleiras, ramplas ou outros dispositivos de
accesibilidade e outros como a instalacións de sinalización, elementos electrónicos de
comunicación, domótica e calquera elemento que facilite a accesibilidade.
Poderán beneficiarse destas axudas os propietarios das vivendas a rehabilitar, as comunidades
e agrupacións de propietarios, cooperativas de vivendas, empresas construtoras, arrendatarias ou
concesionarias de edificios. Tamén poderán optar a estes programas arrendatarios da vivenda que
realicen a rehabilitación de acordo co propietario.
Requisitos e contía das subvencións
As vivendas e edificios a rehabilitar deberán estar finalizadas antes do 1 de xaneiro de
1996. As vivendas deberán constituír a residencia habitual e permanente dos propietarios,
arrendatarios ou moradores no momento de solicitar a axuda.
No caso de actuacións en edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva polo menos
o 70 por cento da superficie construída sobre rasante terá uso residencial de vivenda, excluída a
planta baixa e/ou plantas inferiores. Ademais polo menos o 50 por cento das vivendas deberán
constituír o domicilio habitual das persoas propietarias, arrendatarias ou moradoras no momento de
solicitar as axudas.
A contía das axudas será, con carácter xeral, do 40 por cento do custe subvencionable da
actuación sempre dentro dos límites que se indican nos cadros seguintes. No caso de que os ingresos
sexan inferiores a tres veces o Iprem a porcentaxe poderá chegar ao 75 por cento. A porcentaxe
tamén poderá chegar ao 75 por cento no caso de actuacións de accesibilidade se na unidade da
convivencia residente na vivenda hai unha persoa con discapacidade ou maior de 65 anos.
O importe máximo das axudas será o seguinte:
Liña A
|
Vivenda unifamiliar
|
Vivenda colectiva
|
Básica
|
12.000 €
|
8.000 €
|
Familia con persoa con discapacidade (depende do tipo de
discapacidade)
|
18.000 €
|
12.000 €
|
24.000 €
|
16.000 €
|
Liña B
|
Actuacións de conservación
|
Actuacións de seguridade e accesibilidade
|
Básica
|
3.000 €
|
8.000 €
|
Familia con persoa con discapacidade (depende do tipo de
discapacidade)
|
-
|
14.000 €
|
-
|
17.000 €
|
Ademais, as axudas básicas poderán incrementarse en 1.000 euros cando se trate de inmobles
declarados Ben de Interese Cultural (BIC), estean catalogados ou conten con protección integral no
instrumento de ordenación urbanística correspondente.
Por último, a contía tamén se
incrementará nun 25 por cento cando as persoas beneficiarias sexan menores de 35 anos e as
actuacións se realicen en concellos de menos de 5.000 habitantes.