• A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o rexedor compostelán Xosé Sánchez
Bugallo acordaron ir da man co obxectivo de relanzar a actividade nesta área empresarial e acadar a
ocupación dos 320.000 metros cadrados dispoñibles
• Tamén se comprometeron a estudar vías de colaboración para poñer novas vivendas protexidas
a disposición dos veciños da capital galega
Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2019-. Antes de que remate setembro
constituirase unha comisión técnica integrada por persoal do Instituto Galego da Vivenda e Solo
(IGVS) e do Concello de Santiago co obxectivo de darlle un pulo definitivo ao polígono empresarial
de A Sionlla. Así o acordaron esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda,
Ángeles Vázquez, e o rexedor de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, que mantiveron unha reunión para
abordar diversos asuntos de interese municipal nos que o Concello aspira a contar coa colaboración
do departamento autonómico.
O futuro da área empresarial da Sionlla foi o tema central da xuntanza, durante a que ambos
mandatarios coincidiron na importancia de colaborar e traballar da man para relanzar a actividade
no parque. Con este obxectivo común decidiron poñer en marcha un novo grupo de traballo de carácter
técnico e con representación de ambas administracións, que será o encargado de propoñer accións e
medidas coas que acadar a ocupación plena do polígono.
Cómpre lembrar que A Sionlla foi un proxecto promovido polo IGVS cun investimento total de
máis de 74 millóns de euros. Desde a súa posta en servizo a finais de 2012, adxudicáronse máis de
429.000 metros cadrados vía concursos, ventas directas ou proxectos singulares dos 758.000 m2 cos
que conta este parque para uso industrial e comercial.
Na actualidade, o polígono empresarial ten aínda algo máis de 320.000 metros cadrados de solo
dispoñible para venta, con bonificacións do 30% sobre o prezo oficial, ou para a súa adxudicación
na modalidade de dereito de superficie, a cambio do pago dun canon anual moi reducido que lle dá á
empresa opción de compra.
Neste sentido, a Xunta convoca desde 2015 concursos a prezos bonificados para acceder ás
parcelas dispoñibles na Sionlla, de tal xeito que no último lustro as bonificacións aplicadas ás
empresas que compraron solo neste parque superan xa os 7,33 millóns de euros.
Máis vivenda protexida
Por outra banda, Ángeles Vázquez e Xosé Sánchez Bugallo tamén afondaron na situación do
concello en materia de vivenda e, máis concretamente, no que respecta ao parque de vivendas
protexidas. Así, a mandataria autonómica e o rexedor acordaron impulsar novas vías de colaboración
neste sentido, co fin de incrementar en Santiago o número de vivendas sometidas ás diferentes
figuras e réximes de protección que existen.
Para iso, Vázquez Mejuto avogou por aproveitar todas as liñas das que dispón a Consellería de
Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en materia de promoción pública de vivenda para acadar este
obxectivo, referíndose, por exemplo, ao programa de vivendas interxeracionais –destinadas a menores
de 35 anos e persoas maiores de 60-, entre outras vías a explorar xunto ao Concello de Santiago.
Cómpre lembrar que o IGVS tiña previsto o desenvolvemento de varias parcelas de uso
residencial na cidade grazas aos que se pretendía construír máis de medio cento de vivendas de
promoción pública. Estes proxectos, sen embargo, quedaron paralizados ao chocar coa oposición do
anterior goberno municipal, de xeito que a Consellería agarda que a nova vía de colaboración que se
acordou abrir hoxe co executivo local permita reactivar estas promocións.