Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA DESTINARÁ ESTE ANO 850.000 EUROS ás AXUDAS PARA A NOVA ÁREA DE REHABILITACIÓN INTEGRAL DA RIBEIRA SACRA

• O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se declara esta ARI, que comprende 25 concellos de Lugo e Ourense
• A convocatoria da liña de subvencións está en tramitación e prevese a súa convocatoria para o próximo mes de maio

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2020.-
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución do 21 de febreiro pola que se declara a área de rehabilitación integral (ARI) da Ribeira Sacra. A través desta figura búscase mellorar as vivendas situadas nas parroquias e nos núcleos de poboación dos concellos incluídos na mesma, que presentan edificacións en estado de abandono ou sen un mantemento adecuado, así como a mellora das instalacións públicas, vías de comunicación e dos espazos de relacións.

Con tal fin, a Xunta de Galicia habilitará axudas públicas destinadas á mellora de vivendas e espazos comúns da ARI da Ribeira Sacra. A primeira convocatoria destas axudas está actualmente en tramitación e prevese publicar no próximo mes de maio, abrindo prazo para a presentación de solicitudes das mesmas ante o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), organismo encargado da súa tramitación ao tratarse dunha ARI supramunicipal. O importe previsto para esta primeira convocatoria é de 850.000 euros.

Cómpre lembrar que a ARI da Ribeira Sacra comprende un total de 25 concellos das provincias de Lugo e Ourense: Bóveda, Carballedo, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Chantada, Esgos, Manzaneda, Monforte de Lemos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Pantón, Parada de Sil, Paradela, A Peroxa, A Pobra de Trives, A Pobra de Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, San Xoán de Río, O Saviñao, Sober, Taboada, A Teixeira e Xunqueira de Espadañedo. No seu conxunto, os 25 concellos que conforman esta área de rehabilitación teñen un total de 433 parroquias, cunha superficie de 2.990 quilómetros cadrados.

O territorio da Ribeira Sacra caracterízase por ser disperso e contar con moitas vivendas susceptibles de rehabilitación, así como polas actuais carencias de accesibilidade nos espazos públicos. Neste territorio, está a producirse unha degradación paulatina en determinadas vivendas, o que require unha intervención que teña como fin a realización conxunta das seguintes actuacións:

• A rehabilitación e renovación en edificios e vivendas, incluídas as vivendas unifamiliares para a mellora funcional, a conservación e o mantemento con fin de adecualas aos estándares previstos pola normativa vixente.
• A mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade.
• A mellora das condicións de seguridade de utilización e da accesibilidade en edificios e vivendas.
• O aumento da ocupación dos edificios e vivendas e a mellora da calidade de vida dos seus habitantes.
• A mellora das instalacións públicas de auga e enerxía, e mellora na conexión das redes de datos.
• A mellora da calidade do medio urbano: mellora dos accesos ás vivendas, a realización de traballos de mantemento, consolidación, pavimentación de vías, e instalación de mobiliario público.

Ao abeiro desta área de rehabilitación integral, a Xunta de Galicia concederá axudas aos propietarios das vivendas para a súa rehabilitación así como aos concellos que a conforman para a realización de obras de urbanización e reurbanización no ámbito da ARI.

Os propietarios dos inmobles poderán obter ata un máximo de 16.000 euros por actuación, mentres que as axudas aos concellos están condicionadas polo número de vivendas que se rehabiliten no seu ámbito, recibindo ata 2.000 euros por vivenda rehabilitada.

O obxectivo inicial da ARI é a rehabilitación de polo menos 2.000 vivendas durante os seus dez primeiros anos de vixencia, á parte das obras de urbanización e reurbanización que realicen os concellos. Os fondos que se destinen á ARI por parte da Xunta de Galicia iranse reaxustando cada ano en función da demanda de axudas que se rexistre.