Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA DE GALICIA SOMETE A EXPOSICIÓN PÚBLICA O PROXECTO DE CONEXIÓN EXTERIOR DO SANEAMENTO DO PARQUE EMPRESARIAL DE MORÁS (ARTEIXO)

• Está previsto licitar a obra a finais do mes de xuño próximo, cun investimento de 6,5 millóns de euros

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2020.- O proxecto de conexión exterior do saneamento do parque de Actividades Económicas de Arteixo (parque empresarial de Morás) está exposto ao público a partir de hoxe, tal como recolle o Diario Oficial de Galicia.

O obxecto do proxecto é a definición, a nivel construtivo, das actuacións necesarias para recoller e transportar as augas residuais desde o polígono industrial de Morás ata a arqueta de carga do sifón de Bens.

Proxéctase a construción dun sistema de colectores e elementos complementarios de saneamento de forma que os caudais de augas residuais xerados no polígono industrial de Morás sexan incorporados ao actual sistema de saneamento municipal do núcleo de Arteixo.

Isto contempla a renovación e ampliación da rede de colectores ao longo de 6,7 km aproximadamente, na súa maioría por gravidade.

O investimento previsto por Xestur nesta obra é de 6,5 millóns de euros e a previsión que manexa é licitalas a finais do próximo mes de xuño.

Actualmente, no parque empresarial de Morás estanse executando os remates das obras de urbanización da primeira fase e tramitándose a licitación das obras de urbanización da segunda. Xa están rematadas as obras da estrada DP-0512, a explanación de plataformas, electrificación e alumeado público e conexións exteriores, cun investimento dende 2009 de preto de 24 millóns de euros aos que se sumarán os 6,5 millóns da obra de conexión exterior do saneamento.

No parque empresarial de Morás xa se adxudicaron preto de 650.000 metros cadrados a empresas que se asentarán no mesmo.