Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

ÁNGELES VÁZQUEZ SALIENTA QUE O 2021 SERÁ O ANO DE IMPULSO AO PAZO DE DONA URRACA GRAZAS Á MODIFICACIÓN DO PLAN ESPECIAL E Á URBANIZACIÓN DUN NOVO ESPACIO NO BARRIO DA TINERÍA

• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda avanza que o acordo acadado hoxe permitirá crear un espazo público un 25% máis amplo e aberto, dando un valor incalculable a esta zona aos pés da Muralla
• Ambas administracións destacan o positivo de traballar de forma coordinada e conxunta, para sumar un atractivo máis nun barrio emblemático da Cidade da Muralla, como é o Barrio da Tinería
• Ángeles Vázquez adianta que as contas do seu departamento para o ano 2021 consignan 4,6 millóns de euros en actuacións de recuperación e rehabilitación de vivendas, así como a ampliación do polígono das Gándaras

Lugo, 23 de novembro de 2020
.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá que o 2021 será o ano de impulso ao Pazo de Dona Urraca, grazas á modificación do Plan Especial de Protección, Rehabilitación e Reforma Interior (Pepri) e aos proxectos de urbanización deste novo espazo do Barrio da Tinería, no Concello de Lugo.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asinaron esta mañá o protocolo de actuación entre a Xunta de Galicia e o Concello de Lugo, que inclúe a modificación do Pepri existente no que se recolle unha serie de edificacións e a creación dunha praza contigua á Muralla.

Sinalou que Xunta e Concello coinciden en que a recuperación deste ámbito quedaría máis completa e harmoniosa actuando de xeito coordinado e conxunto; polo que o Instituto Galego de Vivenda e Solo e o Concello levan meses traballando nunha solución que convenza a ambas administracións en beneficio e interese dos veciños da Cidade da Muralla.

Así, o protocolo asinado esta mañá establece que o Concello de Lugo adquirirá varios inmobles da contorna para ceder á Xunta; mentres que a Xunta redactará a modificación do planeamento do UI-8, a través dun instrumento simplificado que recolle a Lei de rehabilitación, e acometerá as obras de urbanización do ámbito, así como unha serie de inmobles colindantes, parte dos cales que deberá adquirir a Administración local e que sumarán aos que xa son propiedade do IGVS.

Ángeles Vázquez recordou que esta proposta implica reducir nun 35% a edificabilidade dos terreos propiedade da Xunta, en aras de crear un espazo público un 25% máis amplo e aberto, dando un valor incalculable a esta zona aos pés da Muralla e un protagonismo total ao Pazo de Dona Urraca, e bríndase un novo atractivo para completar a recuperación patrimonial e social do Barrio da Tinería.

A conselleira de Medio Ambiente explicou que, unha vez firmado o protocolo, o IGVS iniciará a redacción da modificación do Pepri, ao tempo que o Concello tramitará o convenio urbanístico, coa previsión de envialo ao Concello no primeiro cuatrimestre do ano para a súa tramitación. Engadiu que mentres a administración local tramita a modificación, o IGVS irá redactando os proxectos de urbanización dos espazos públicos e os proxectos de construción dos tres novos edificios.

Indicou que, segundo as previsións do IGVS, serán necesarios máis de 4 millóns de euros para levar a cabo as obras de urbanización da UI-8, de rehabilitación do Pazo de Doña Urraca e de rehabilitación dos inmobles para vivendas de promoción pública. O vindeiro exercicio será o ano no que se aborden, fundamentalmente, os traballos técnicos: como a modificación do Pepri, o convenio urbanísitico, a redacción do proxecto de urbanización e dos proxectos de redacción, etc..; mentres que as obra comezarían no 2022, sempre que a licitación das mesmas se poida realizar a finais de 2021.

A Xunta, acompañado polo Concello, dá un paso máis nas actuacións de rehabilitación e reurbanización da Tinería, un barrio clave e con moita proxección para a cidade de Lugo, a través do desenvolvemento dun espazo que se converterá nunha icona para toda a veciñanza.

Orzamentos do ano 21
A conselleira de Medio Ambiente aproveitou o encontro desta mañá para trasladarlle á alcaldesa de Lugo os puntos fortes do orzamento do seu departamento para a Cidade de Lugo, do que destacou catro actuacións en materia de vivenda, solo empresarial e coidado do medio ambiente que suman un orzamento de 4,6 millóns de euros.

Salientou que o Goberno galego seguirá apostando pola rehabilitación do Barrio da Tinería en 2021, polo que se reserva un orzamento de 800.000 euros para actuacións de recuperación. Tamén en materia de vivenda destacou un orzamento de 200.000 euros para actuacións de reparación de vivendas de promoción pública.

As obras de urbanización da segunda fase do polígono das Gándaras, que comezarán antes de que remate o ano, terán un protagonismo importante nas contas da Consellería do vindeiro ano, pois resérvanse 3,1 millóns de euros para a ampliación do parque, que xa na segunda fase, se disporán case 90.000 m2 novos nesta zona.

Por último, destacou a partida de 500.000 euros que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural reserva dos seus orzamentos para levar a cabo a construción dunha nova nave no Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de O Veral.