Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

ÁNGELES VÁZQUEZ ANUNCIA UNHA NOVA LEI DE DESENVOLVEMENTO DE ÁREAS EMPRESARIAS PARA REGULAR A CREACIÓN DE MÁIS SOLO INDUSTRIAL E O IMPULSO DE NOVOS PROXECTOS EN GALICIA

• Subliña que o seu departamento traballa xa no contido da futura norma, coa que busca responder a algunhas das demandas que lle ten trasladado o propio sector
• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse hoxe con varias asociacións de empresarios da provincia da Coruña para falar da oferta de solo de Xestur e do IGVS para 2021 e algunhas novidades nas condicións de adxudicación
• Ao longo deste ano, o Goberno galego sacará ao mercado 1,4 millóns de m2 de solo industrial con bonificacións sobre o prezo de venda do 30% ou do 50% e a posibilidade de acceder tamén en dereito de superficie con opción de compra

A Coruña, 26 de febreiro de 2021.-
A Xunta traballa xa co obxectivo de dotar a Galicia dunha Lei de Desenvolvemento de Áreas Empresariais, un novo marco normativo que se fixará entre os seus obxectivos principais o impulso dos instrumentos de implantación de áreas empresariais e de proxectos industriais na Comunidade, a mellora da súa eficacia e a concreción dos sistemas de xestión destas áreas unha vez rematadas.

O proxecto lexislativo foi anunciado esta mañá pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen mantivo unha reunión con representantes de varias asociacións de empresarios da provincia da Coruña para falar, precisamente, de solo industrial e das condicións vantaxosas que ofrece a Xunta para facilitarlles o acceso ao mesmo nos parques que xestiona.

Grazas á futura norma, o Goberno galego pretende regular de xeito claro e unificado as diferentes formas de implantación dos proxectos de desenvolvemento de solo industrial, xa sexa para crear máis áreas deste tipo ou para implantar novos proxectos industriais.

Ademais, Ángeles Vázquez explicou que con esta lei, na que o seu departamento xa está traballando, tamén se busca satisfacer unha demanda que se lle ten trasladado desde o propio sector nun momento complicado como o actual, que require de medidas de impulso e apoio ás empresas entre as que se referiu á aprobación esta mesma semana da Lei de simplificación administrativa e apoio á reactivación económica de Galicia.

Co mesmo obxectivo de facilitar e favorecer a implantación de novas empresas ou a súa expansión na Comunidade, a conselleira recordou que a Xunta manterá este ano a política de bonificacións que puxo en marcha en 2015 para poñer no mercado o solo industrial que xestiona a través da empresa pública Xestur e do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

Neste sentido, Ángeles Vázquez explicou que ambos organismos sacarán á venda ao longo de 2021 a totalidade dos terreos que teñen dispoñibles nos seus polígonos industriais, así como o solo que está sendo urbanizado no marco das obras de ampliación actualmente en marcha. En concreto, a oferta de solo propiedade da Xunta prevista para este ano estará integrada por 545 parcelas cunha superficie total de 1.437.785 metros cadrados repartidas entre 48 concellos galegos.

De feito, este mesmo luns saíu publicado o concurso de venda do solo empresarial convocado por Xestur, máis de 857.000 metros cadrados a prezo bonificado nun 50% ou nun 30%, segundo a zona na que se atopen, repartidos en 280 parcelas localizadas en 17 concellos. As empresas interesadas en optar a parte deste solo, como lembrou a conselleira, poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 23 de marzo.

Solo dispoñible na provincia
No caso da provincia da Coruña, o concurso inclúe un total de 190 parcelas, que suman máis de 536.200 metros cadrados a un prezo medio bonificado de 81,47 € o metro cadrado. A rebaixa será do 50% nos parques de Cedeira, Ortigueira e Carballo; mentres que nos de Arteixo, Negreira, Arzúa e Sionlla será do 30%.

Na área coruñesa, a conselleira subliñou sobre todo as 34 parcelas situadas no parque empresarial de Morás, a un prezo medio de 114,2 euros por metro cadrado; e as 18 parcelas no municipio de Carballo, no parque empresarial de Bértoa, a un prezo de 36,25€.

En Ferrolterra ofértanse 43 parcelas no Concello de Ortigueira, cunha superficie total de 50.748 metros cadrados e un prezo de 28,39 euros, e outras 36 en Cedeira, que supoñen unha superficie de 38.677 metros cadrados dispoñible a 34,58 euros o metro.

No resto da provincia cómpre subliñar as 56 parcelas ofertadas no parque empresarial da Sionlla (en Santiago de Compostela), cunha extensión de preto de 243.000 metros cadrados e ás que as empresas interesadas poderán acceder por 97,1 euros por metro cadrado.

Así mesmo, Ángeles Vázquez aproveitou o seu encontro con empresarios de distintos puntos da Coruña para avanzarlles que o IGVS tamén está a tramitar o expediente correspondente para autorizar as bonificacións previstas para este ano nos polígonos que xestiona, co obxectivo de poñer estes terreos no mercado no mes de marzo.

Deste xeito, as empresas interesadas en asentarse nalgún dos parques de Xestur ou do IGVS poderán facelo con bonificacións sobre o prezo de venda do 50% ou do 30%, un obxectivo para o que a Consellería mobilizará un total de oito millóns de euros. Ademais, manterase tamén a posibilidade de facer adxudicacións a proxectos singulares en réxime de dereito de superficie, unha modalidade vantaxosa para as empresas xa que poden asentarse na parcela a cambio dun canon anual reducido por metro cadrado e con dereito a compra.

Balance das bonificacións desde 2015
Ambas medidas demostraron nos últimos anos moi bos resultados polo que a conselleira apostou por mantelas e mesmo implementalas para avanzar no fomento da actividade empresarial e a creación de riqueza e postos de traballo, factores que considerou claves nun contexto no que a recuperación económica debe ser prioritaria.

Así, desde que en 2015 a Xunta impulsou a súa política de bonificacións para a venda de solo industrial, constatouse unha reactivación das adxudicacións cun balance de 1.986.032 m2 vendidos e 153.305 adxudicados en dereito de superficie, é dicir, 2.139.337 m2.

En todo caso, as condicións nas que sairá o solo empresarial dispoñible en 2021 tamén traerán novidades. Concretamente, Ángeles Vázquez explicou que se traballa co obxectivo de realizar, por primeira vez, unha oferta pública de parcelas en alugueiro a prezos reducidos pensada en principio para os parques de Ferrolterra e da fronteira con Portugal, pero que podería ampliarse a outras áreas con pouca demanda. O obxectivo é dar cabida nelas a instalacións non permanentes para as que a opción do alugueiro pode ser máis atractiva.

Así mesmo, o concurso que acaba de convocar a empresa pública Xestur mantén as mesmas condicións aprobadas o ano pasado para facer fronte e tentar mitigar o impacto da Covid sobre o tecido empresarial.

Deste xeito, as empresas ás que se lle adxudique solo na modalidade de compravenda poderán solicitar unha prórroga dun ano para escriturar o solo; e os adxudicatarios en dereito de superficie poderán solicitar tres anos de carencia fronte aos 12 meses que tiñan anteriormente, ademais de manter o dereito a adquirir estas parcelas con bonificacións ata oito anos despois da adxudicación, é dicir, dous anos máis que ata o de agora.