Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE DISPÓN CASE 5 MILLÓNS DE EUROS DE FONDOS PROPIOS EN CINCO PROGRAMAS DE AXUDAS Á REHABILITACIÓN

 Os programas están dirixidos aos particulares, comunidades de veciños e administracións locais, co fin de mellorar o patrimonio edificatorio da Comunidade
 Ademais das axudas para actuacións nas tres áreas de rehabilitación integral supramunicipais, convócanse o programa de infravivenda e as axudas á conservación e accesibilidade

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2021.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a Resolución pola que se convocan cinco axudas distintas para promover a conservación e a rehabilitación dos inmobles, por un importe global de preto de 5 millóns de euros de fondos propios da Xunta de Galicia.

O obxectivo dos distintos programas dirixidos a particulares, comunidades de veciños e administracións locais é mellorar a patrimonio edificatorio da Comunidade galega. Así, ábrese o período para solicitar axudas ao abeiro do programa de fomento de conservación e mellora de accesibilidade das vivendas (680.000 euros), de fomento e rexeneración urbana nas áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago (1,3 millóns de euros), do Parque Nacional das Illas Atlánticas (32.000 euros) e da Ribeira Sacra (850.000 euros), para rehabilitar inmobles e vivendas de titularidade municipal para destinalas ao alugueiro social (1,7 millóns de euros) e o programa de infravivenda (case 275.000 euros).

Asemade, no mes de abril a Xunta convocará o programa Fondo de Cooperación cos concellos, dotado con más de 4 millóns de euros. Con este programa, xunto coa ampliación de crédito dos programas que hoxe se convocan, unha vez que o Goberno central transfira á Comunidade os fondos estatais consignados, a Xunta de Galicia prevé mobilizar máis de 12 millóns de euros nestes programas de rehabilitación ao longo deste ano, cos que poder atender a máis de 2.300 solicitudes de axuda.

Rehabilitación nas tres ARI supramunicipais
O Instituto Galego da Vivenda e Solo xestiona directamente as tres áreas de rehabilitación integral de carácter supramunicipal que están declaradas hoxe na Comunidade galega, son a ARI do Camiño de Santiago (na que se integran 126 concellos), a do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia (4 entidades locais) e a da Ribeira Sacra (25 municipios).

As actuacións que se poderán levar a cabo son obras e traballos de mantemento nas vivendas unifamiliares e nos edificios, mesmo no interior, a fin de adecualos, e obras de demolición de edificios e vivendas e obras de nova construcción.

Os beneficiarios desta liña de axudas, comunidades de persoas propietarias e persoas físicas ou titulares dunha concesión, no caso da ARI do Parque nacional-, dispoñen ata o 30 de setembro para presentar unha solicitude.

Así, os solicitantes poderán recibir ata 4.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación e que se incrementará en 1.000 euros sempre e cando se adapten á Guía de cores e materiais. Asemade, cando o beneficiario sexa menor de 35 aos e resida nun concello de menos de 5.000 habitantes, o importe da axuda incrementarase nun 25%.

Conservación e mellora da accesibilidade
O programa de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021 está dirixido a financiar actuacións de rehabilitación de edificios ou vivendas, como as relativas ao estado de conservación da cimentación, da estrutura e das instalacións, das cubertas, azoteas, fachadas e medianeiras.

No caso das actuación de accesibilidade, destacan a instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial ou intelectual, así como calquera intervención que facilite a accesibilidade universal, como elementos de información ou de aviso ou dispositivos electrónicos de comunicación.

As axudas poderán solicitarse ata o 30 de novembro e os beneficiarios son persoas propietarias de vivendas unifamiliares, de edificios de tipoloxía residencial colectiva e das vivendas situadas nestes edificios, as comunidades de propietarios, así como as agrupacións de propietarios.

Axudas directas aos concellos
A Consellería de Medio Ambiente destaca que na resolución que se publicará o vindeiro luns establécense dous programas concretos para os concellos galegos: o de rehabilitación de edificacións e vivendas de titularidade municipal con destino ao alugueiro social, para concellos de menos de 20.000 habitantes, e o de infravivenda, para as entidades locais de menos de 10.000 habitantes. Ambas axudas teñen un prazo de solicitude que expira o 30 de abril.

Estes dous programas teñen por finalidade apoiar aos concellos, así como ás unidades de convivencia propietarias, na execución de obras de rehabilitación de inmobles co obxectivo de habilitar vivendas cunha mínimas condicións de habitabilidade. Neste caso, a contía da axuda poderá chegar ata o 95% do orzamento necesario para as obras ou un máximo de 15.000 euros.