Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

AS AXUDAS DO PLAN DE VIVENDA 2009-2012 PODERÁN SOLICITARSE DENDE HOXE, UNHA VEZ QUE O DOG PUBLICOU O DECRETO QUE AS REGULA

-     A Xunta de Galicia subvencionará a adquisición de vivendas por familias con ingresos inferiores a 2,5 veces o Iprem, así como a adquisición por menores de 35 anos, familias numerosas e monoparentais, dependentes, persoas con discapacidades, vítimas da violencia doméstica e do terrorismo, separados e divorciados, emigrantes retornado e chabolistas terán un tratamento preferencial

-     Preto de 600 millóns de euros en axudas inducirán un investimento de máis de 3.000 millóns de euros e a creación de máis de 40.000 empregos

Santiago, 6 de novembro de 2009.- A partir de hoxe poderanse solicitar as axudas previstas no Plan de Vivenda 2009-2012 para adquisición e rehabilitación de vivendas. O Diario Oficial de Galicia publicou onte o decreto autonómico polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no decreto estatal do Plan de Vivenda. 

A Xunta de Galicia subvencionará con 2.000 euros a adquisición de vivendas por familias con ingresos familiares que non superen 2,5 veces o Iprem (Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples). 

Tamén recibirán unha subvención de 2.000 euros para a adquisición de vivenda por menores de 35 anos, familias numerosas de ata 4 fillos, familias monoparentais con fillos, familias con dependentes ou con membros con discapacidade, mulleres vítimas da violencia de xénero, vítimas do terrorismo e persoas separadas ou divorciadas que perderan as súas vivendas. Nestes casos o nivel máximo de ingresos será de 4,5 veces o Iprem. No caso de familias numerosas de cinco ou máis fillos a subvención será de 4.000 euros. Todas estas subvencións autonómicas son compatibles e acumulables para os solicitantes que se atopan en máis dunha das situacións indicadas

Ademais, a Xunta de Galicia subvencionará a adquisición de vivenda por parte de grupos en grave risco de exclusión social (chabolistas e emigrantes retornados en especiais dificultades) que acceden á vivenda en propiedade. Nestes casos a axuda será do 25 por cento, cun límite máximo de 17.000 euros. Esta axuda, que xa fora introducida pola Xunta de Galicia nos planes 2002-2005 e 2005-2008, non é compatible co resto de axudas autonómicas.

Axudas estatais

As axudas establecidas pola Xunta de Galicia son compatibles coas financiadas polo Ministerio de Vivenda pero xestionadas pola Xunta de Galicia. 

As subvencións estatais poden acadar un máximo de 8.000 euros para todos os adquirentes de vivenda protexida con ingresos que non superen 2,5 veces o Iprem.

A contía fixarase en 7.000 e 5.000 euros, cando os ingresos están entre 2,5 e 3,5 ou entre 3,5 e 4,5 veces o Iprem respectivamente. 

Todas as axudas estatais para os solicitantes con ingresos entre 3,5 e 4,5 veces o Iprem son de nova creación neste Plan, o mesmo que no caso das axudas autonómicas. 

Os menores de 35 anos terán unha axuda de 9.000, 8.000 ou 6.000 euros segundo os tramo de ingresos no que se atopen. 

As axudas poderán acadar os 12.000 euros no caso de familias numerosas, familias monoparentais con fillos e familias con persoas dependentes ou con discapacidades oficialmente recoñecidas, sempre que os ingresos non superen 2,5 veces o Iprem. Para os outros dous tramos de renda (2,5-3,5 e 3,5-4,5 Iprem) as axudas serán de 10.000 e 8.000 euros, respectivamente. 

Finalmente haberá unha axuda de 11.000 euros para mulleres vítimas da violencia de xénero, vítimas do terrorismo e persoas separadas ou divorciadas, que perderon a súa vivenda e estean ao corrente de pago das pensións alimenticias ou compensatorias e teñen ingresos que non superen 2,5 veces o Iprem. Para as familias comprendidas neste suposto e nos outros dous tramos de renda a axuda será de 9.000 e 7.000 euros respectivamente. 

Estas axudas non son compatibles entre si, pero poden acumularse coas da Xunta de Galicia. 

Subsidiación do préstamo

Ademais todos os compradores de vivendas ao amparo deste decreto, con ingresos que non superen 4,5 veces o iprem, terán dereito á subsidiación do préstamo obtido para a compra da vivenda. A subsidiación será aplicable durante os cinco primeiros anos do préstamo, ampliables a outros cinco, e a súa contía será de ata 100 euros por cada 10.000 euros de préstamo, segundo os tramos de renda nos que se atopen os beneficiarios (80 euros para o tramo intermedio e 60 para o superior). Esta subsidiación incrementarase en 50 euros para familias numerosas, familias monoparentais con fillos e familias con persoas dependentes ou con discapacidade cuxos ingresos non superen 2,5 veces o Iprem. No caso de que os ingresos estean entre 2,5 e 4,5 veces o Iprem o incremento da subsidiación será de 30 euros por cada 10.000 de préstamo

Rehabilitación

O Plan de Vivenda establece tamén axudas para a rehabilitación de vivendas e edificios de vivendas, que se centrarán fundamentalmente en actuacións dirixidas a mellorar a eficiencia enerxética, hixiene, saúde e protección do medio ambiente nas vivendas; á utilización de enerxías renovables; actuacións para a mellora da accesibilidade das vivendas e os edificios de vivendas e actuacións para garantir a seguridade e estanquidade dos edificios. 

No caso de rehabilitacións de vivendas individuais a subvención pode acadar o 25 por cento do orzamento protexido cun límite máximo de 2.500 euros. Este límite incrementarase ata 3.400 euros cando os propietarios ou ocupantes da vivendas sexan maiores de 65 anos ou persoas con discapacidade, sempre que as obras se destinen á eliminación  de barreiras ou á adecuación da vivenda ás súas necesidades específicas. Cando se trate de vivendas rehabilitadas con destino a aluguer durante un prazo mínimo de 5 anos, nas mesmas condicións que as vivendas protexidas destinadas a arrendamento, o límite máximo da axuda será de 6.500 euros. 

Para a rehabilitación de zonas comúns de edificios de vivendas, a subvención será do 10 por cento do presuposto protexido correspondente a cada propietario, cun importe máximo de 1.100 euros por vivenda. Cando os ingresos non superan 6,5 veces o Iprem, pódese obter unha axuda adicional do 15 por cento do presuposto, cun límite de 1.600 euros por vivenda, que pasará a ser de 2.700 no caso de que os beneficiarios sexan maiores de 65 anos, persoas con discapacidade ou as obras se destinen á eliminación de barreiras ou á adecuación da vivenda ás súas necesidades específicas

Obxectivos

O Plan de Vivenda 2009-2012 en Galicia prevé a promoción de 13.780 vivendas protexidas de nova construción ao longo dos catro anos de vivencia do mesmo, das que 9.620 serán para venda e 3.980 para alugueiro. Asemade, o Ministerio de Vivenda cofinanciará a construción de 180 vivendas de promoción pública. Tamén se prevén axudas para a adquisición de 1.070 vivendas usadas. 

O decreto establece a posibilidade de calificar como protexida unha soa vivenda dentro dun edificio de vivendas libres, ademais da calificación por edificios completos ou plantas dos mesmos. 

Doutra banda, poderán acollerse ás axudas do Plan de Vivenda, cumprindo os requisitos establecidos para as protexidas, as vivendas libres cando se trate da primeira venda e pasara polo menos un ano dende a obtención da licenza de primeira ocupación. 

Polo que respecta ao alugueiro, ademais da promoción de vivendas de nova construción destinadas ao mesmo, o Plan de Vivenda prevé que a través do mesmo se financien 3.270 axudas a inquilinos acollidas ao programa de axudas ao alugueiro. 

Asemade, o plan prevé actuacións de rehabilitación, tanto en Areas de Rehabilitación Integral (ARIS) como en Áreas de Renovación Urbana (ARUS), erradicación do chabolismo e axudas Renove, destinadas a mellorar a eficiencia enerxética, a hixiene, saúde e protección do medio ambiente nos edificios e vivendas, e a utilización de enerxías renovables. En total os diferentes programas de rehabilitación prevén 29.025 actuacións no conxunto do Plan. 

Finalmente o Plan de Vivenda 2009-2012 prevé a creación de solo residencial para a construción dun total de 3.610 vivendas protexidas, das que a meirande parte estarán en áreas prioritarias. 

En total, os obxectivos iniciais do Plan de Vivenda 2009-2012 supoñen un incremento de máis do 56 por cento respecto dos obxectivos iniciais do anterior plan

Investimento

Preto de 600 millóns de euros serán destinados en Galicia para axudas para adquisición e rehabilitación de vivendas e promoción de solo residencial para a construción de vivendas protexidas entre a Xunta de Galicia e o Estado. 

Esta inxección económica terá efectos sobre o conxunto da economía da Comunidade Autónoma, xa que se estima un investimento global, incluíndo as achegas de promotores, particulares e administracións públicas, que superen os 3.000 millóns de euros e supoñan a creación de máis de 40.000 postos de traballo.