Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA ENTREGARÁ AS VIVENDAS DE EIRIS E MESOIRO NO PRIMEIRO TRIMESTRE DE 2010, UNHA VEZ REMATADAS AS OBRAS PARA EVITAR A ENTRADA DE AUGAS A TRAVÉS DOS PATIOS DE ACCESO AOS INMOBLES

-      O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas avanza que no mes de decembro se realizará o sorteo das vivendas, baixo criterios de imparcialidade e ausencia de favoritismos

-      Sinala que estas dúas promocións suman un total de 348 vivendas, das cales a Xunta Cualificadora adxudicou un total de 256, mentres que o resto se cedían ou transmitían a Concello da Coruña

-      Agustín Hernández compareceu esta tarde no Pleno do Parlamento para informar dos prazos que manexa o departamento que dirixe para a entrega destas vivendas de protección

Santiago, 11 de novembro de 2009.- O Goberno galego entregará os inmobles de promoción pública de Eirís, e de Mesoiro, na Coruña, no primeiro trimestre de 2010. O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, avanzou este prazo no Pleno do Parlamento, onde engadiu que ata o momento non se entregaron as vivendas porque hai que rematar as obras de reparación nos patios de acceso ás vivendas, como consecuencia dos efectos do paso do furacán Klaus.

Explicou que esas reparacións consisten na colocación de mamparas en corredores de zonas comúns nos portais número 1 e 4 do edificio e manifestou que o proxecto para a execución destas obras está xa redactado e supervisado.

Aclarou que o no proceso de entrega das vivendas, logo da súa adxudicación definitiva –producida en maio de 2008- o primeiro paso que se dará será o sorteo entre os adxudicatarios. Explicou que se trata dun mecanismo habitual que garante a imparcialidade e a ausencia de favoritismos, e no que a cada adxudicatario se lle asigna a vivenda concreta que vai recibir. Segundo as previsións da Xunta este sorteo realizarase ao longo do mes de decembro de 2009.

Segundo informou Hernández tanto a promoción de Eirís como a de Mesoiro arrastran unha dilatada historia que se remonta ao ano 2002 –no caso de Eirís- coa sinatura do convenio co concello da Coruña para a construción por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) de 188 vivendas; mentres que no caso da promoción de Mesoiro hai remontarse ao ano 2004, data na que se procedeu á sinatura para a construción de 160 vivendas.

Afirmou que estas promocións conforman un total de 348 vivendas das que a Comisión provincial da Vivenda (despois chamada Xunta Cualificadora) debía adxudicar un total de 256 -112 de Eirís e 144 de Mesoiro- xa que o resto eran cedidas ou transmitidas ao Concello da Coruña.

Por último, argumentou que o que non vai facer o IGVS é entregar vivendas que non reúnen todas as condicións de habitabilidade.