Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O IGVS ENTREGA HOXE ONCE VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA NO CONCELLO DE AS SOMOZAS

-     Tratrase dun edificio con alta eficiencia enerxética, xa que está dotado de placas solares para a produción de auga quente sanitaria

-     Un total de oito vivendas foron adxudicadas en réxime de compravenda e tres en alugueiro.

-     As 11 vivendas entregadas sitúanse nun bloque de 18, no que o IGVS investiu 1.403.902,66 euros.

Santiago, 4 de decembro de 2009.- Un total de once familias de As Somozas recibiron hoxe as súas vivendas de promoción pública, construídas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, nun acto de sinatura de escrituras e entrega de chaves celebrado na casas consistorial.

Das once vivendas entregadas, nove dispoñen de tres dormitorios e unha superficie útil de 82 metros cadrados e as outras dúas teñen catro dormitorios e 90 metros cadrados de superficie útil. Tódalas vivendas contan con vestíbulo, estancia-comedor, cociña, tendedeira e baños, así como praza de garaxe e rocho.

Das once vivendas entregadas, oito foron adxudicadas en réxime de compravenda e as tres restantes en réxime de alugueiro, en cumprimento da normativa que obriga a adxudicar en réxime de alugueiro as vivendas correspondentes a familias con ingresos que non superen 1,5 veces o Iprem (Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples).

As vivendas entregadas hoxe nas Somozas corresponden a un grupo de 18 vivendas construídas ao abeiro dun expediente iniciado en 2002 no que o Instituto Galego da Vivenda e Solo investiu un total de 1.403.902,66 euros.

Das 18 vivendas adxudicáronse nunha primeira convocatoria un total de 13 vivendas das que se entregan 11 xa que se produciu a renuncia dun adxudicatario en réxime de compravenda e unha das vivendas destinase á cesión ao Concello. Quedan, polo tanto, cinco vivendas pendentes dunha próxima entrega.

As vivendas emprázanse nun bloque de baixo e dúas plantas, dividido en dous portais, con facha ventilada de pizarra de tres centímetros de espesor e carpintería exterior de aluminio anodizado.

No interior destacan as tarimas de madeira de carballo nos dormitorios e sala, e baldosa de gres en cociña e baños. As carpinterías interiores son de madeira. Tódalas vivendas dispoñen de calefacción e auga quente sanitaria con caldeira individual por gas propano.

Asemade, o edificio está dotado de placas solares para a produción de auga quente sanitaria que o converte nunha edificación altamente eficiente en materia enerxética.