Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

APROBADA UNHA REPARACIÓN DE EMERXENCIA EN 42 VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA DE LUGO, POR IMPORTE DE 39.795 EUROS

-      O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas informou hoxe ao Consello da Xunta do expediente, tramitado polo procedemento de urxencia

-      A emerxencia detectouse ao iniciar obras de reparación de fachadas e canalóns, comprobándose que parte do peche exterior da fachada estaba deformado

Santiago, 17 de decembro de 2009.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, informou hoxe ao Consello da Xunta da tramitación polo procedemento de emerxencia dun expediente para a rehabilitación das fachadas dun grupo de 42 vivendas de promoción situado na avenida da Coruña, no concello de Lugo.

No pasado mes de novembro comezaron as obras de reparación de fachadas e canalóns do devandito grupo de vivendas de promoción pública, por un importe de 35.900,53 euros. Unha vez comezadas as obras, apreciouse que o desprendemento do morteiro da fachada se debía a unha causa imprevista, consistente na deformación do peche de ladrillo da dita fachada, o que provocou que a folla exterior do cerramento se desprazara cara ao exterior, quedando practicamente sen apoio.

Ante esta situación, que exixía unha obra adicional á inicialmente prevista, iniciouse de forma inmediata un novo expediente de reparación do que hoxe se deu conta ao Consello da Xunta.

Este novo expediente prevé a desmontaxe de parte da fachada existente e a súa nova construción, así como as reparacións necesarias nas vivendas afectadas. O importe deste novo expediente acada os 39.795,57 euros.