Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

SORTEADAS ENTRE OS SEUS ADXUDICATARIOS UN TOTAL DE 281 VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA CONSTRUÍDAS POLO IGVS EN EIRÍS E NOVO MESORIO, NO CONCELLO DA CORUÑA

Santiago, 30 de decembro de 2009.- Un total de 281 vivendas de promoción pública construídas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) en Eirís e Novo Mesoiro, no concello de A Coruña, foron sorteadas hoxe entre os seus adxudicatarios nun acto celebrado ante notario no recinto feiral de Expocoruña.

O sorteo realizouse por cupos, de maneira que se garante que as vivendas adaptadas para persoas con dificultades de mobilidade se destinen a familias con algún membro nesas condicións e o reparto de vivendas se realice en función do número de membros da familia, de forma que as familias con máis membros accedan ás vivendas de maior superficie.

En total o IGVS constrúe en Eirís e Novo Mesoiro un total de 348 vivendas. O sorteo so incluíu 281 vivendas xa que as restantes 67 corresponden ao concello da Coruña, ben pola cesión obrigatoria do 10 por cento (16 en Novo Mesoiro e 18 en Eirís) ou ben por ter sido adquiridas pola administración municipal (33 en Eirís).

Unha vez coñecido qué vivenda corresponde a cada adxudicatario, o IGVS realizará os estudos económicos correspondentes, no que se establece o prezo de venda ou a renda do alugueiro en cada caso concreto. Cando ditos estudos estean aprobados o IGVS comunicarao a cada adxudicatario, que disporá do prazo dun mes para presentar a documentación que se requira e para ingresar o importe do IVE e unha provisión de fondos para os gastos de notaría e rexistro da propiedade nos casos de compravenda e a fianza nos de alugueiro. Para os casos de compravenda non existe entrada, distribuíndose a totalidade do prezo no prazo de 25 anos do préstamo hipotecario.

Eirís

Das 188 vivendas construídas polo IGVS en Eirís, sorteáronse un total de 137 (113 entre os adxudicatarios e 24 entre os expropiados de Eirís). O investimento foi de 10.552.847,23 euros.

A meirande parte das vivendas sorteadas dispoñen de tres dormitorios e unha superficie útil entre 78 e 81 metros cadrados. Son en total 90 as vivendas que responden a esta configuración. Outras 37 dispoñen de dous dormitorios e unha superficie útil de entre 63 e 65 metros cadrados e as restantes 10 vivendas dispoñen de catro dormitorios e superficie útil de 90 metros cadrados. Tódalas vivendas dispoñen de cociña, estar-comedor, baños, tendedeira, rocho e unha praza de garaxe.

Entre as 37 vivendas de dous dormitorios existen catro adaptadas para persoas con mobilidade reducida, nas que a superficie se incrementa ata os 70,81 metros cadrados.

O prezo das vivendas adxudicadas en compravenda oscila entre os 60.000 e os 100.000 euros, dependendo da tamaño, pero os adxudicatarios pagan entre o 50 e 0 70 por cento de dito prezo, en función da renda familiar, polo que os prezos efectivamente pagados polos adxudicatarios oscilará entre os 30.000 e os 70.000 euros. No caso das vivendas adxudicadas en réxime de alugueiro, a renda anual será o 3 por cento do prezo que pagarían pola vivenda de ser adxudicada en compravenda. A normativa que rexe a adxudicación de vivendas de promoción pública indica que é obrigatoria a adxudicación en réxime de alugueiro cando os ingresos familiares ponderados non superan 1,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM).

As vivendas están construídas en catro bloques, todos eles con baixo e dez plantas e dous sotos para garaxes e rochos. O bloque 1 conta ademais con dúas entreplantas e o bloque 4 con baixo cuberta.

Nesta promoción corresponden ao concello de A Coruña un total de 51 vivendas (18 por cesión obrigatoria do 10% e 33 adquiridas polo concello), que compoñen a totalidade do bloque 4 máis unha vivenda emprazada no bloque 3. Destas 51 vivendas, 33 son de dous dormitorios e 18 de tres dormitorios).

Novo Mesoiro

Polo que respecta a Novo Mesoiro, sorteáronse 144 das 160 vivendas construídas, correspondendo ao concello as 16 restantes. O investimento realizado polo IGVS na súa construción foi de 12.725.472,45 euros.

A meirande parte das vivendas sorteadas dispoñen de tres dormitorios e unha superficie útil entre 78 e 83 metros cadrados. Son en total 114 as vivendas que responden a esta configuración. Outras 16 dispoñen de dous dormitorios e unha superficie útil de entre 60 e 62 metros cadrados e as restantes 14 vivendas dispoñen de catro dormitorios e superficie útil entre 88 e 90 metros cadrados. Tódalas vivendas dispoñen de cociña, estar-comedor, baños, tendedeira, rocho e unha praza de garaxe.

Entre as 114 vivendas de tres dormitorios existen seis adaptadas para persoas con mobilidade reducida, nas que a superficie é de 82 metros cadrados.

O prezo das vivendas adxudicadas en compravenda oscila entre os 60.000 e os 100.000 euros, dependendo da tamaño, pero os adxudicatarios pagan entre o 50 e 0 70 por cento de dito prezo, en función da renda familiar, polo que os prezos efectivamente pagados polos adxudicatarios oscilará entre os 30.000 e os 70.000 euros. No caso das vivendas adxudicadas en réxime de alugueiro, a renda anual será o 3 por cento do prezo que pagarían pola vivenda de ser adxudicada en compravenda. A normativa que rexe a adxudicación de vivendas de promoción pública indica que é obrigatoria a adxudicación en réxime de alugueiro cando os ingresos familiares ponderados non superan 1,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM).

Estas vivendas compoñen un bloque con catro portais, con tres sotos para garaxes e rochos, planta baixa para portais e locais para o concello da Coruña, e dez plantas para vivendas.

O concello da Coruña dispón en Novo Mesoiro de 16 vivendas de tres dormitorios, correspondentes ao 10 por cento de cesión obrigatoria.