Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA APROBA O BONO DE ALUGUEIRO SOCIAL PARA A FAMILIA AFECTADA POR UN DESAFIUZAMENTO EN VIGO

§  O caso foi posto en coñecemento da administración autonómica hai so tres días

§  A resposta da Xunta foi inmediata, solicitando o aprazamento do lanzamento e iniciando a tramitación do Bono de Alugueiro Social que hoxe se concedeu

 

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2017 .- A Xunta de Galicia aprobou hoxe o Bono de Alugueiro Social para unha muller con fillos afectada por un desafiuzamento en Vigo. Previamente, as xestións realizadas pola Xunta de Galicia permitiron aprazar durante dez días o lanzamento previsto para onte.

 

O Instituto Galego da Vivenda e Solo tivo coñecemento do caso o martes día 30 a última hora da mañá, indicando aos afectados a posibilidade de solicitar o Bono de Alugueiro Social e comunicando o caso á consellería de Política Social para que solicitase o aprazamento do lanzamento.

 

A solicitude do Bono de Alugueiro Social foi presentada no IGVS o mércores e so dous días despois xa foi aprobada a concesión do mesmo, unha vez comprobada a documentación e tramitada a solicitude.

 

A Xunta fai un chamamento a todos os afectados por desafiuzamentos e ás organizacións sociais para que se poñan en contacto coa administración o antes posible, sen agardar ao último momento, para que o goberno autonómico poida ofrecer unha resposta eficaz dentro das 12 medidas para loitar contra os desafiuzamentos e en defensa do dereito á vivenda adoptadas pola Xunta de Galicia.