Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE MOBILIZA 2,5 MILLÓNS DE EUROS PARA DOTAR Á CIDADE DE OURENSE DE 16 NOVAS VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA

• Durante unha visita á capital das Burgas, Ángeles Vázquez anuncia que o próximo 28 de novembro a Xunta adxudicará oito pisos protexidos no barrio de Covadonga nos que realizou un investimento de preto dun millón de euros
• O Instituto Galego de Vivenda e Solo tamén acaba de rehabilitar dous pisos na rúa Vilar e ten en marcha outras seis vivendas, tres de nova construción e tres en proceso de recuperación
• A titular da Consellería de Medio Ambiente pon a Ourense como exemplo das políticas de rehabilitación urbanística e de recuperación de espazos urbanos degradados impulsadas polo seu departamento

Ourense, 13 de novembro de 2018-. A cidade de Ourense contará a curto prazo con 16 novas vivendas de promoción pública a disposición dos seus veciños. Oito deses inmobles xa están rematados e serán adxudicados mediante sorteo público o vindeiro 28 de novembro entre todos os inscritos no Rexistro de Demandantes da cidade, tal e como anunciou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

Trátanse concretamente de oito vivendas localizadas no barrio de Covadonga nas que o Instituto de Vivenda e Solo (IGVS) realizou un investimento de preto dun millón de euros e que se sumarán a outras actuacións en materia de vivenda de promoción pública en marcha ou recentemente rematadas nesta cidade.

Así, Ángeles Vázquez explicou que no mes de outubro finalizou a rehabilitación de dúas vivendas na rúa Vilar e que nestes momentos están xa adxudicadas as obras de 3 inmobles nesta mesma rúa e hai outros 3 en proceso de rehabilitación nun edificio cedido polo concello. En total, engadiu, a Xunta mobilizará 2,5 millóns de euros en obras para dotar a Ourense de 16 novas vivendas protexidas.

A maiores do esforzo investidor xa comprometido, a conselleira incidiu en que Ourense tamén será un dos concellos que se beneficie do Rexurbe, un novo programa do IGVS para rehabilitar cascos históricos a través da compra de inmobles. En concreto, a contía reservada este ano para a adquisición de edificios no Casco Vello ourensán ascende a 2,8 millóns (800.000 euros para operacións de compra e os 2 millóns restantes para acometer a súa rehabilitación).

En todo caso, haberá que esperar a que se peche o proceso de compra, previsiblemente este mesmo mes, para coñecer cales son os inmobles seleccionados tanto en Ourense como nos outros tres concellos que forman parte do Rexurbe (Ferrol, Lugo e Betanzos).

Máis de nove millóns nas áreas de rehabilitación integral
Así mesmo, a responsable de Medio Ambiente tamén se referiu a outra das liñas de rehabilitación de vivendas máis efectivas dos últimos anos: as que xestiona a Xunta nas chamadas Áreas de Rehabilitación Integral (ARIS). No caso concreto de Ourense, a responsable autonómica lembrou que existen catro espazos con esta declaración: ARI do Casco Histórico; ARI do núcleo de Seixalbo; ARI do Polvorín, Camelias e Carballeira; e ARI dos Barrios Serra de San Mamede, Cruceiro Quebrado e A Inmaculada.

A través de convenios de colaboración entre Xunta, Estado e concello, as catro áreas de rehabilitación integral de Ourense recibiron ou teñen comprometidos investimentos por 9,2 millóns de euros, dos cales 1,7 millóns correspóndense ao convenio asinado a finais de outubro ao abeiro da convocatoria do ano 2018.

Por todo isto, Vázquez Mejuto puxo á cidade de Ourense como exemplo das políticas que promove o seu departamento en materia de rehabilitación urbanística e de recuperación de espazos urbanos abandonados ou degradados para uso e desfrute dos cidadáns. Neste sentido, a conselleira referiuse á actuación adxudicada recentemente para a reforma e adaptación da Alameda da Ponte, un proxecto no que a Xunta investirá máis de 263.000 euros e cuxas obras comezarán en breve cun prazo estimado de execución de catro meses.

Orzamentos para vivenda en 2019
Facilitar o acceso á vivenda, en réxime de compra ou de alugueiro, será un dos “obxectivos fundamentais” da Xunta o próximo ano, como recalcou a conselleira. Así o demostran os preto de 120 millóns de euros cos que contará o seu departamento para atender as súas competencias en materia de vivenda, solo residencial e solo empresarial.

Concretamente, Ángeles Vázquez salientou algúns dos programas de actuación máis novidosos neste eido, como a primeira liña de axudas a promotores, cooperativas ou concellos para a construción de vivendas en alugueiro, dotada en 2019 con 2,3 millóns de euros, as subvencións para construír pisos para persoas maiores ou con discapacidade, que contará cun orzamento de 2 millóns, ou a recente convocatoria de axudas para a adquisición de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes para menores de 35 anos, á que se destinará en 2018 un total de 800.000 euros e que terá continuidade nos vindeiros anos.

Así mesmo, a responsable de Medio Ambiente tamén se referiu aos 7,6 millóns de euros que se mobilizarán en 2019 para a dotación de novas vivendas de promoción pública, ou os 7,2 millóns reservados nos orzamentos para axudas ao alugueiro, unha contía que supón un incremento do 38% con respecto á do ano 2018.