Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O DOG PUBLICA A RESOLUCIÓN QUE MODIFICA O PLAN SECTORIAL DE ORDENACIÓN DE OITO ÁREAS EMPRESARIAIS DE GALICIA PARA FAVORECER A IMPLANTACIÓN DE PARQUES E ADAPTALOS Á REALIDADE DE CADA CONCELLO

• Os cambios que se introducen inciden nos parques empresariais (8) de Palas de Rei, As Encrobas (Cerceda), Erzana (Cambre), Seixalbo-Cumial (Ourense), Bueu-Cangas, Ameal (Vigo-Redondela), Moaña e o Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo
• Destaca a inclusión dun novo ámbito para unha posible terceira fase do parque empresarial de Palas de Rei, despois de que os terreos relativos á primeira e segunda foran vendidos na súa totalidade
• Outra modificación posibilitará desbloquear a ampliación do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2018-.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se modifica o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, co obxectivo de favorecer e mellorar a viabilidade para o desenvolvemento futuro de distintos ámbitos dos parques empresariais de Palas de Rei, As Encrobas (Cerceda), Erzana (Cambre), Seixalbo-Cumial (Ourense), Bueu-Cangas, Ameal (Vigo-Redondela) e Moaña. Ademais, a modificación normativa tamén beneficiará ao Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo, ao desbloquearse a súa ampliación.

Na meirande parte dos casos, axustaranse os dominios recollidos no Plan Sectorial, que fixa os posibles emprazamentos para desenvolver futuros parques empresariais, co fin de adaptalos á realidade de cada concello no que se localizan e favorecer a súa implantación.

O Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, aprobado pola Xunta en 2014, é un instrumento de ordenación que planifica onde se poderá desenvolver solo empresarial nos próximos anos.

A modificación deste plan permite introducir a área na que se proxectará a futura terceira fase do parque empresarial de Palas de Rei, unha vez que a segunda xa se vendeu na súa totalidade e non se dispón de solo neste parque. Grazas a esta modificación, as entidades ou empresas interesadas en asentarse nos terreos que abarca a terceira fase disporán dunha superficie total de 42.280,56 metros cadrados.

Asemade, a modificación normativa tamén posibilitará a ampliación do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo -que ocupa na actualidade uns 875.000 metros cadrados e coa ampliación prevé sumar outros 255.365 metros cadrados- xa que se introduce un cambio das disposicións normativas do plan que permitirá á Zona Franca garantir o seu crecemento, unha realidade que non estaba recollida na redacción inicial do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais.

Outras modificacións que se incorporan débense a un reaxuste dos lindes de cada un dos parques empresariais. Así, no caso do parque empresarial Bueu-Cangas prevese a partición en dous parques diferentes: o parque de Bueu, cunha superficie de 188.123 metros cadrados, continuará no emprazamento inicialmente previsto, como ampliación do actual parque de Castiñeiras; mentres que o de Cangas, con 74.138 metros cadrados, cambia a un emprazamento máis axeitado e mellor comunicado, ocupando os terreos dunha canteira, de maneira que a actuación permitirá a recuperación ambiental e paisaxística da zona.

Esta modificación tamén ten incidencia sobre o parque de Ameal, nos concellos de Vigo e Redondela, que ve reducido o seu ámbito en case 7.000 metros cadrados, xa que se atopan afectados pola servidume aeronáutica do Aeroporto de Vigo e que resultan incompatibles cos usos contemplados no Plan Sectorial.

No caso do parque das Encrobas, en Cerceda, tamén verá como o seu ámbito inicial queda divido en dúas zonas, debido ao trazado da liña ferroviaria do AVE. Así, pasarán a denominarse parque empresarial de Encrobas 1 e parque empresarial de Encrobas 2.

En Seixalbo-O Cumial, no Concello de Ourense, modificase a delimitación do ámbito do parque empresarial, axustándoo ao parcelario existente e desafectando zonas residenciais; mentres que no parque empresarial de Moaña se reduce nun 35 por cento a superficie inicial delimitada, e no de Erzana, en Cambre, delimítase correctamente, corrixindo o erro existente no documento inicial relativo ao emprazamento do parque.

Actuacións en solo empresarial
O Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia foi aprobado pola Xunta de Galicia en 2014 e establece a planificación dos emprazamentos posibles para o desenvolvemento de futuros parques empresariais, tanto de iniciativa pública como privada. Esta planificación realizouse en base a criterios obxectivos para avaliación dos emprazamentos e responde a un obxectivo de ordenación do territorio, sinalando os emprazamentos do futuro solo empresarial.

Dende 2015 a Xunta aplica bonificacións no prezo do solo empresarial da súa propiedade e tamén permite a adxudicación do mesmo en dereito de superficie, de maneira que dende ese ano adxudicáronse máis de 1,3 millóns de metros cadrados de solo empresarial con bonificación que superan os 39 millóns de euros. O resultado destas vendas xa é visible nos parques empresariais da Xunta de Galicia nos que máis de 270 empresas están xa implantadas ou desenvolvendo os seus proxectos de implantación.

Actualmente a prioridade da Xunta céntrase nas urbanizacións do parque empresarial de Morás (Arteixo) e da Plataforma Loxístico Empresarial de Salvaterra, pero tamén se está a traballar na ampliación do parque empresarial de Xinzo de Limia, onde o último paso avanzado foi a publicación onte do anuncio polo que se inicia o expediente de expropiación, e no desenvolvemento do parque empresarial de Paderne de Allariz, no que se licitará proximamente a redacción do proxecto sectorial.