Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

AS BONIFICACIÓNS DA XUNTA NA ADXUDICACIÓN DE SOLO EMPRESARIAL PERMITIRON MOBILIZAR INVESTIMENTOS POR MÁIS DE 400 MILLÓNS

• Desde 2015, o Goberno galego asignou case 1,32 millóns de metros cadrados en compra-venda con prezo reducido ou adxudicados en dereito de superficie
• As bonificacións aplicadas á adquisición de parcelas en parques propiedade do IGVS e de Xestur superan xa os 43,1 millóns de euros e o prezo de venda do solo adxudicado en dereito de superficie sitúase por riba dos 13,6 millóns de euros

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2018.- Desde o ano 2015 a Xunta de Galicia adxudicou preto de 1,32 millóns de metros cadrados de solo empresarial con prezo bonificado ou en dereito de superficie, uns incentivos que contribuíron a que ás empresas beneficiadas por estas adxudicacións mobilizaran un investimento estimado en máis de 400 millóns de euros. Así o subliñou esta mañá no Parlamento o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García Porto, quen se apoiou nestes datos para poñer de manifesto os resultados que está a dar a política de incentivos á compra de solo empresarial nos parques propiedade deste organismo e da empresa pública Xestur.

Neste sentido, subliñou que as axudas da Xunta no período 2015-2018 co fin de promover investimentos produtivos en Galicia a través da bonificación do prezo de venda do solo empresarial superan xa os 43,1 millóns.

A esa contía hai que sumar a correspondente ás adxudicacións en dereito de superficie, unha modalidade na que as empresas só aboan un canon anual reducido polo uso do solo. O prezo de venda das parcelas asignadas en dereito de superficie supera os 13,6 millóns de euros, mentres que as entidades adxudicatarias so pagarán en total pouco máis de 204.000 euros anuais os dous primeiros anos da concesión.

Segundo indicou García Porto durante a súa intervención, no solo adxudicado en compravenda a bonificación media do prezo foi do 42%, o que supuxo pasar dunha media de 88 euros por metro cadrado a 51 euros por metro cadrado, cunha redución media de 37 euros por metro cadrado de solo adxudicado.

Bonificacións desde 2015
Desde 2015 o Instituto Galego da Vivenda e Solo e a empresa pública Xestur adxudicaron en total preto de 1,32 millóns de metros cadrados de solo empresarial, dos que case 149.000 metros cadrados foron asignados en dereito de superficie e o resto, en réxime de compravenda con bonificacións do 30 ou do 50% do prezo, segundo o emprazamento do parque empresarial. Neste sentido, cómpre lembrar que nas parcelas localizadas nas provincias de Lugo e Ourense, nos concellos de Ferrolterra, na Costa da Morte e nos parques fronteirizos con Portugal a redución é do 50%, mentres que no resto de Galicia a porcentaxe do prezo bonificada é do 30%.

Os parques nos que se adxudicou máis solo foron os situados nos concellos de Carballo, Lugo, Santiago de Compostela e Mos. Así, no caso do de Bértoa (Carballo) adxudicáronse máis de 284.000 metros cadrados, nas Gándaras (Lugo) preto de 227.000, na Sionlla (Santiago de Compostela) máis de 121.000 e na Veigadaña (Mos) máis de 104.000 metros cadrados. No seu conxunto, o solo asignado nestes catro parques supoñen un total de máis de 736.000 metros cadrados, é dicir, preto do 56% de todo o solo empresarial adxudicado con bonificación ou en dereito de superficie desde o ano 2015.

O resto das parcelas foron adxudicadas nun total de 39 parques empresariais, dos que 13 corresponden á provincia da Coruña, outros 13 á de Lugo, 7 á de Ourense e 6 á de Pontevedra.

Cómpre lembrar que desde 2015 as condicións impostas aos adquirentes de solo empresarial obrigan a construír as súas instalacións e obter licencia de actividade nun prazo máximo de tres anos dende a formalización da adquisición, mantendo a Xunta unha vixilancia constante sobre o cumprimento deste requisito e tendo en conta que en 2018 se cumpren os tres anos das primeiras adxudicacións.

Neste sentido, o director xeral do IGVS indicou que todas as empresas que adquiriron solo nos parques propiedade da Xunta están a cumprir os compromisos establecidos, explicando en casos puntuais os atrasos que poidan ir acumulando por causas xustificadas, como a concesión da licencia municipal. Desta maneira, preto do 90% das parcelas vendidas desde o ano 2015 teñen os proxectos redactados ou en redacción e preto do 50% están xa en funcionamento ou teñen en marcha as obras de edificación.