Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

VIVENDA ADQUIRIRÁ 26 INMOBLES PARA REHABILITAR NOS CONXUNTOS HISTÓRICOS DE BETANZOS, FERROL, LUGO E OURENSE A TRAVÉS DO PROGRAMA REXURBE

• O Instituto Galego da Vivenda e Solo aceptou todas as ofertas presentadas que cumprían os requisitos e agora os propietarios deben trasladar a súa conformidade
• O investimento total para a adquisición da totalidade de inmobles ascende a preto de 1,7 millóns de euros
• O IGVS investirá un orzamento de sete millóns na rehabilitación dos inmobles, co fin de habilitar preto de 58 vivendas
• Cómpre lembrar que o Goberno galego xa está a rehabilitar un total de 33 vivendas adquiridas nos conxuntos históricos destas catro cidades

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2018
.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda prevé adquirir un total de 26 inmobles para rehabilitar nos conxuntos históricos de Betanzos, Ferrol, Lugo e Ourense. Trátase dunha actuación no marco do programa Rexurbe, co que o Goberno galego actúa de forma directa en conxuntos históricos degradados para rehabilitar os inmobles.

O investimento previsto para a adquisición da totalidade de inmobles ascende a preto de 1,7 millóns de euros, que se sumarán aos preto de sete que serán necesarios para os traballos da rehabilitación dos mesmos.

Con tal fin, o Instituto Galego da Vivenda e Solo fixo unha oferta pública de adquisición que se vén de resolver coa aceptación de todas as ofertas presentadas que cumprían os requisitos establecidos na mesma. Non obstante, a adquisición de parte dos inmobles aceptados polo IGVS queda condicionada á presentación de documentación adicional polos seus propietarios ou á aceptación da contraoferta económica realizada polo IGVS naqueles casos en que a taxación pública dos inmobles ofertados é inferior ao prezo solicitado polos vendedores.

O número de vivendas que se obterán unha vez rehabilitados os inmobles que se prevé adquirir rondará as 58, aínda que a cifra definitiva non se coñecerá ata que se redacten os correspondentes proxectos de rehabilitación.

Betanzos
En Betanzos, o IGVS prevé adquirir un total de seis edificacións, das que tres están condicionadas á aceptación da contraoferta realizada. O prezo de adquisición sumado ao custe estimado da rehabilitación achégase ao millón de euros.

Nos inmobles que se adquiran prevese obter 12 vivendas, unha vez rehabilitadas, que se sumarán ás 15 vivendas que xa adquiriu e que está a rehabilitar o Instituto Galego da Vivenda e Solo cun investimento de preto de tres millóns de euros.

Ferrol
No Concello de Ferrol prevese adquirir 13 inmobles, dos que sete están pendentes de que os propietarios acepten a contraoferta da Xunta. O investimento previsto na adquisición e rehabilitación destes inmobles é de 1,3 millóns de euros.

Ao mesmo tempo, o IGVS licitará a rehabilitación de dous inmobles nas rúas Argüelles e Virxe, coa que se obterán catro vivendas rehabilitadas, de maneira que sumando ás xa rehabilitadas por Xestur no mesmo barrio, a Xunta disporá dun total de 50 vivendas rehabilitadas en Ferrol Vello.

Lugo
No caso de Lugo, adquiriranse tres inmobles que darán lugar a dúas ou tres vivendas unha vez rehabilitados. Os inmobles a adquirir, emprazados no barrio da Tinería, suporán un investimento de máis de 320.000 euros entre adquisición e rehabilitación. Neste barrio, o Instituto Galego da Vivenda e Solo está a rehabilitar actualmente un total de nove vivendas, cun investimento de máis de 1,3 millóns de euros.

Ourense
No conxunto histórico de Ourense, o IGVS prevé adquirir catro inmobles, pendentes de aceptación polos seus propietarios da contraoferta presentada. Dos mesmos, prevese obter arredor de oito vivendas rehabilitadas e o investimento previsto entre adquisición e rehabilitación é de máis de 1,78 millóns de euros. Ao mesmo tempo, o IGVS xa está a rehabilitar cinco vivendas no conxunto histórico da cidade, cun investimento de preto dun millón de euros.

A adquisición e rehabilitación de inmobles por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo nos catro concellos citados enmarcase no programa Rexurbe, a través do cal a Xunta de Galicia actúa de forma directa en conxuntos históricos degradados para rehabilitar os inmobles que merca, así como fomentar a rehabilitación por parte dos propietarios que non están interesados en vender as súas propiedades.