Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA PON ENRIBA DA MESA O DOCUMENTO XURÍDICO QUE PERMITE DESBLOQUEAR A VENTA DE SOLO EMPRESARIAL NA PLISAN

• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou esta mañá na Comisión de Seguimento que avalou esta decisión, co fin de facilitar o asentamento nesta zona empresarial estratéxica das entidades xa interesadas
• Avanza que a previsión do Instituto Galego de Vivenda e Solo é iniciar neste mesmo trimestre as obras de urbanización desta área empresarial no sur de Galicia con 400.000 m2
• Ángeles Vázquez adianta a segunda fase desta área empresarial abrirá a posibilidade de agrupar parcelas para facilitar grandes implantacións de empresas e se fará un estudo para analizar os custes das parcelas co fin de ofrecelas a un prezo competitivo
• A Plisan é unha área loxística impulsada pola Xunta de Galicia, a Autoridade Portuaria e a Zona Franca de Vigo, na que se inviste un orzamento de máis de 230 millóns para a súa completa execución

Vigo, 25 de xaneiro de 2019.-
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, indicou hoxe que a Xunta vén de poñer enriba da mesa a resolución que permite desbloquear a venta de solo empresarial na Plisan. Así o avanzou esta mañá tras a reunión da Comisión de Seguimento da Plisan, na que se acordou que o Instituto Galego de Vivenda e Solo elaborou o documento xurídico para declarar a natureza patrimonial do solo da Plisan, un requisito imprescindible para poder iniciar xa o proceso de comercialización das parcelas.

Así, este mesmo trimestre poderanse iniciar as obras de urbanización da plataforma loxística da Plisan, despois de conseguir unha solución á situación de bloqueo desta área empresarial, por mor da sentenza do Tribunal Supremo do ano 2017 -na que se ditaba que parte dos terreos da Autoridade Portuaria eran bens de dominio público- e que imposibilita a comercialización das parcelas.

Ángeles Vázquez salientou que esta resolución -xunto co axuste lexislativo para dar plena garantía e seguridade xurídica ao proceso- é unha resposta efectiva á comercialización das parcelas e sobre todo para que o proxecto avance de forma áxil e segura.

Engadiu que esta medida é a mostra do firme compromiso e do traballo levado a cabo pola Xunta, xunto cos outros promotores da Plisan: Autoridade Portuaria de Vigo e Consorcio da Zona Franca de Vigo, para atopar unha solución o máis áxil posible e permitir crear emprego e un importante desenvolvemento empresarial nunha zona estratéxica do sur de Galicia, evitando o risco de que as empresas -que xa teñen trasladado o seu interese- se estableceran noutra zona, destacou.

Recordou que a Plisan é un importante e estratéxico proxecto empresarial para o cal as tres entidades promotoras prevén un investimento superior aos 231 millóns de euros. Grazas a esta actuación disporase dunha superficie empresarial de 400.000 m2, que se executarán en dúas fases. Reiterou que as previsións dos promotores son iniciar as obras de urbanización da primeira fase e da Edar e a Etap necesarias este mesmo trimestre e rematalas no prazo dun ano; e adiantou que será tamén o Consorcio da Zona Franca a que se encargue da licitación e da execución das obras de urbanización da segunda fase.

A conselleira de Medio Ambiente tamén avanzou que no seo da reunión celebrada esta mañá abordouse acometer unha parcelación maior nas obras de urbanización da segunda fase, actualmente en proxecto de redacción e que dotará doutros 200.000 m2, co fin de posibilitar a comercialización de parcelas a grandes implantacións empresariais, aos que tamén se lles brindará un prezo competitivo para favorecer e atraer a implantación de grandes empresas, é dicir, favorecer a riqueza e xeración de emprego a través do asentamento empresarial na Comunidade galega.