Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE DECLARA A PRIMEIRA ÁREA DE REHABILITACIÓN INTEGRAL INSULAR, NO PARQUE NACIONAL ILLAS ATLÁNTICAS DE GALICIA

• Trátase da segunda ARI que xestionará o Instituto Galego de Vivenda e Solo de xeito directo, tal como fai coa ARI dos Camiños de Santiago
• O Consello da Xunta na súa reunión desta mañá informou desta decisión, que permitirá achegar axudas para a rehabilitación das vivendas do único parque nacional presenta na Comunidade galega

O Consello da Xunta na súa reunión desta mañá informou favorablemente a declaración da primeira Área de Rehabilitación Integral insular, a ARI do Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas, que beneficiará ás vivendas que se localizan no único parque nacional con que conta a Comunidade e tamén permitirá realizar actuacións de urbanización e reurbanización.

Trátase da segunda ARI que xestionará o IGVS de xeito directo ao ser supramunicipal, ao igual que a dos Camiños de Santiago. A nova ARI abrangue os arquipélagos das Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada e, polo tanto, beneficia a catro municipios: Vigo, Bueu, Vilagarcía e Ribeira.

A declaración desta ARI vén motivada pola situación actual na que se atopan as vivendas deste ámbito territorial, debido ao illamento sofrido durante anos por estas vivendas. Ademais da necesidade de rehabilitación e mellora das vivendas existentes, existen problemas de accesibilidade e déficit nos equipamentos públicos.

As axudas da área de rehabilitación destinaranse preferentemente á rehabilitación de vivendas e inmobles que deberán ter uso residencial na actualidade ou despois da súa rehabilitación. As actuacións que se poden levar a cabo son obras de restauración, conservación, rehabilitación das vivendas con actuación dirixidas a mellora a eficiencia enerxética das mesmas, a súa accesibilidade e a habitabilidade das mesmas, incluíndo reformas interiores, mellor das instalacións, etc.

As actuacións de urbanización e reurbanización poderán ter por obxectivo a mellora da accesibilidade e das instalacións xerais e no que se refire aos espazos públicos prevese realizar actuacións de pavimentación, actuación nas redes de rego, no mobiliario urbano e de xardinería.

As axudas para rehabilitación e reurbanización da ARI serán financiadas con fondos propios da Xunta de Galicia e fondos procedentes do Plan Estatal de Vivenda, para o cal a Xunta e o Ministerio de Fomento deberán asinar un acordo no que se fixe o importe do financiamento no marco do plan de vivenda e as súas anualidades. Despois da sinatura deste acordo as axuda serán convocadas polo IGVS a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, previsiblemente no mes de abril de 2019.

Cómpre salientar que a declaración deste espazo insular como ARI acádase ao pouco tempo de que a Xunta aprobara o Plan Reitor de Uso e Xestión; unha mostra máis da importancia deste espazo e un elemento máis a ter en conta na candidatura -presentada pola Xunta- deste parque a Patrimonio da Humanidade.