Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE FIXA AS PORCENTAXES MÍNIMAS DE RESERVA DE SOLO PARA VIVENDA PROTEXIDA EN CONCELLOS DE MÁIS DE 5.000 HABITANTES

• As porcentaxes fíxanse en función da demanda real contrastada a través do rexistro de demandantes e non poderá ser inferior á media da comunidade , establecida este ano no 5,74%
• Nun total de 12 concellos, entre os que están as grandes cidades, a porcentaxe de reserva é superior á media de Galicia
• Con carácter xeral a reserva mínima será do 30 por cento

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2019.- Os concellos de máis de 5.000 habitantes que conten cun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e que calculen a súa reserva de solo para vivenda protexida en base á demanda real deberán establecer un mínimo de 5,74 por cento no ano 2019, tal como establece a Resolución do Instituto Galego da Vivenda e Solo pola que se fixan as porcentaxes de reserva de solo para vivenda protexida aplicables neste ano. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución pola que se fixan as porcentaxes mínimas de reserva de solo para vivenda protexida, revisable de xeito anual e que en 2019 rexistra un incremento de 0,81 puntos respecto de 2018, no que a media foi do 4,93 por cento.

Segundo establece a Lei do Solo de 2016, con carácter xeral a reserva mínima de solo para vivenda protexida será do “30 por cento da edificabilidade residencial prevista pola ordenación urbanística no solo que vaia ser incluído en actuacións de urbanización”.

A lei tamén indica que excepcionalmente se poderán fixar reservas inferiores sempre que se garanta o cumprimento íntegro da reserva e os mínimos fixados en función da demanda real de vivenda protexida e a poboación dos concellos.

Estas porcentaxes so serán aplicables nos concellos de máis de 5.000 habitantes que voluntariamente previsen no seu PXOM a reserva de solo para vivenda protexida en base a datos estimados de demanda real. Para 2019 a porcentaxe mínima de reserva será do 5,74 por cento nestes concellos.

Existen doce concellos nos que a porcentaxe de reserva deberá ser superior á media no caso de que empreguen este sistema. Entre eles están seis das sete grandes cidades de Galicia: A Coruña (9,98), Ferrol (9,75), Lugo (9,04), Pontevedra (9,72), Santiago de Compostela (8,23) e Vigo (15,18). Tamén se atopan por derriba da media os concellos de Brión (9,16), Cambre (7,80), Culleredo (6,09), Foz (8,90), Narón (5,93) e Vilagarcía de Arousa (6,08).

Para o cálculo da porcentaxe de reserva nestes casos excepcionais, a Lei de Vivenda prevé unha fórmula na súa disposición adicional novena que indica que a porcentaxe de reserva total do concello sería igual ao produto de multiplicar por dez o número de inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda e o resultado dividido polo número de habitantes inscritos no padrón municipal. O novo resultado multiplicarase por cen e dará como resultado a porcentaxe mínima de reserva.

A porcentaxe resultante non será de aplicación automática, xa que ademais deberá cumprir outras dúas condicións:

1.- A porcentaxe non poderá ser inferior ao resultado de multiplicar por cen o dobre do número de inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda.

2.- A porcentaxe non poderá ser inferior á media autonómica. En caso de selo aplicarase como mínimo a media para a comunidade autónoma.

Segundo a Resolución publicada hoxe no DOG, a media actual de reserva mínima para a comunidade autónoma é do 5,74 por cento, que deberá aplicarse en todos os concellos cuxa porcentaxe calculada en función da demanda sexa inferior a esa cifra.

Os concellos que opten por establecer a reserva de solo segundo os datos estimados de demanda estarán obrigados a revisar a porcentaxe establecida cando as novas porcentaxes fixadas polo IGVS na súa Resolución anual rexistren unha diferenza de máis ou menos dous puntos porcentuais respecto da porcentaxe anterior.

Naqueles concellos cuxo PXOM non estableza a reserva de solo atendendo á demanda real, a porcentaxe de reserva será o 30%, tal como establece con carácter xeral a Lei do Solo de Galicia.