Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O Instituto Galego da Vivenda e Solo adxudica dúas vivendas de protección autonómica nas rúas Cruz Verde 8 e Ferrería 8

◾O nome dos adxudicatarios provisionais e a orde dos posibles reservas pódense consultar na web do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)
◾As dúas novas promocións do CCVV supuxeron para este organismo un investimento en conxunto de 370.000 euros

Vigo, 27 de marzo de 2019.- A Xunta, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), sorteou hoxe na sede da Delegación de Vigo dúas novas vivendas de protección autonómica rehabilitadas polo Consorcio do Casco Vello de Vigo, nos edificios Cruz Verde 8 e Ferrería 8, nun acto no que estivo presente o presidente do organismo rehabilitador e delegado da Xunta, Ignacio López-Chaves.

O nome dos adxudicatarios provisionais, así como a orde dos posibles reservas, quedou establecido esta mañá ante notario.

Concretamente, a edificación de Cruz Verde 8 permitiu a creación dunha vivenda unifamiliar de tres dormitorios distribuída en planta baixa e tres pisos, e conta tamén cun pequeno patio posterior cara ao que se orientan as zonas de servizo. A planta baixa é unha área de apoio para a vivenda e alberga, ademais do espazo propio para o recibidor e o oco da escaleira, un despacho e un pequeno almacén. Trátase da segunda promoción do CCVV nesta rúa.

En canto a Ferrería 8, distribúese en planta semisoto, planta primeira e planta segunda baixo cuberta. Consta de dous dormitorios, de aproximadamente 11 e 15 metros cadrados, dous aseos, un baño, un estudo e un lavadoiro. A superficie construída total é de 178,84 metros cadrados, dos cales 111,35 son útiles. O edificio ten tres fachadas, abertas ás rúas Ferrería e Baixada a Herba e supón o sétimo dos inmobles rehabilitados polo ente nesta rúa.

As dúas novas promocións do CCVV supuxeron para este organismo un investimento en conxunto de 370.000 euros.

Nos próximos días o CCVV poñerase en contacto con todos os aspirantes para que poidan visitar as vivendas sorteadas e confirmar o seu interese na adquisición, seguindo a orde hoxe establecida, ou renunciar á mesma. Con posterioridade abrirase un prazo de 45 días para tramitar todo o relativo ao financiamento e documentación da compra, momento no que se procederá á entrega definitiva das chaves por parte do promotor.