• O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para 2019 destas axudas, dirixidas a
comunidades de propietarios de edificios promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo ou
transferidas ao mesmo
• O Goberno galego incrementa o importe máximo das axudas, que este ano poderán chegar ata
os 5.000 euros sempre que non superen o 60% do orzamento da obra
• Os interesados poderán presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 24 de xuño
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2019-. A Consellería de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), destinará un millón de
euros a conceder subvencións a comunidades de propietarios de vivendas de promoción pública para
obras de reparación, rehabilitación e/ou adaptación dos edificios promovidos polo propio organismo
público ou transferidos á comunidade autónoma.
Así figura na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, pola que se convoca
esta liña de axudas para 2019 e se establece un importe máximo de 5.000 euros por vivenda, o que
supón un incremento de 1.000 euros respecto á convocatoria do ano pasado. A Xunta mellora, polo
tanto, a contía das axudas, que non poderán superar en ningún caso o 60% do orzamento total
subvencionable e seguirán sendo compatibles con aquelas destinadas á realización de obras de
mellora da eficiencia enerxética en edificios de vivendas promovidos polo IGVS, podendo acadar
entre ambas axudas o 100% do custo.
En canto aos beneficiarios, poderán acollerse a esta nova convocatoria as comunidades de
propietarios de edificios de vivendas protexidas promovidos polo IGVS ou transferidos ao mesmo
sempre que non teñan recibido ningunha outra axuda deste organismo para realizar obras polo mesmo
concepto nos 10 anos anteriores.
Os edificios que opten ás axudas terán que reunir as condicións necesarias de seguridade
estrutural ou, no seu defecto, acreditar a realización simultánea das obras que garantan que as vai
cumprir; acreditar que non incorren en ningunha das circunstancias previstas na Lei de Subvencións
de Galicia como excluíntes para obter a condición de beneficiario; e ser seleccionados conforme á
orde de preferencia realizada segundo o baremo fixado propia resolución e a disposición
orzamentaria existente.
Os interesados terán dous meses, contados a partir de mañá, para poder presentar as súas
solicitudes, polo que o prazo oficial para acollerse a esta liña de subvencións rematará o vindeiro
24 de xuño.
Actuacións subvencionables
Serán consideradas actuacións subvencionables aquelas obras que teñan como obxecto a
reparación, rehabilitación e/ou adaptación dos edificios incluídos no ámbito de aplicación da
resolución publicada hoxe e que comprendan todos ou algúns dos seguintes traballos:
a) Adecuación das condicións de seguridade: obras que proporcionen ao edificio condicións de
seguridade estrutural ou construtiva de xeito que garantan a súa estabilidade, resistencia e
solidez, seguridade contra incendios...; así como obras de seguridade fronte a accidentes ou
sinistros.
b) Adecuación das condicións de habitabilidade: obras que proporcionen ao edificio
estanquidade fronte á choiva e á humidade, illamento térmico e acústico, ou mellora das
instalacións de calefacción.
c) Adecuación funcional: obras que proporcionen ao edificio unha mellora dos accesos aos
servizos xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, etc., así como a adecuación
destas obras á correspondente normativa.
d) Adecuación das condicións de accesibilidade: obras de supresión de barreiras
arquitectónicas, tales como instalación de ascensores, ramplas, ou outros dispositivos de
accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial.
As actuacións subvencionables, en todo caso, deberán axustarse á normativa técnica vixente no
momento da súa execución e poderán estar iniciadas xa no momento de solicitar a axuda, sempre e
cando non comezaran antes do 1 de xaneiro deste ano e non se teña executado máis dun 60% do custo
total das obras.