• A conselleira Ángeles Vázquez anuncia a intención do seu departamento de incluír tamén a esta
cidade na convocatoria de 2019, publicada a comezos de abril co fin de que o Instituto Galego da
Vivenda e Solo poida adquirir edificios nos cascos antigos de Ferrol, Betanzos, Ribadavia, Ourense
e Tui para construír vivendas
• Con esta ampliación, zonas degradadas do núcleo histórico coruñés poderán beneficiarse de
investimentos e obras de mellora en edificacións abandonadas
A Coruña, 7 de maio de 2019-. A Xunta de Galicia adquirirá este ano inmobles en
estado de abandono ou semiabandono no casco vello de A Coruña para proceder á súa rehabilitación e
construír novas vivendas. Estas intervencións enmarcaranse dentro do chamado programa Rexurbe,
impulsado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda como unha ferramenta para a
recuperación de determinados conxuntos históricos e que se articula a través da convocatoria dunha
oferta pública para a adquisición de edificios fóra de uso.
Así o avanzou esta mañá durante un encontro informativo coa Asociación Provincial de
Empresarios da Construción de A Coruña (APECCO) a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez,
quen lembrou que o Rexurbe foi convocado por primeira vez o ano pasado e ten como obxectivo
favorecer a rehabilitación de zonas degradadas e inmobles localizados nos cascos históricos de
certos municipios galegos.
Concretamente, a convocatoria de 2018 centrouse nos concellos de Ferrol, Betanzos, Ourense e
Lugo mentres que a deste ano, publicada a comezos de abril, ampliou o ámbito de actuación aos
cascos vellos de Tui e Ribadavia, ademais de volver a incluír na oferta pública de compra os
municipios de Ferrol, Betanzos e Ourense. No seu primeiro ano de funcionamento, o Instituto Galego
da Vivenda e Solo (IGVS) adquiriu a través do Rexurbe un total de 26 edificios nas zonas
monumentais de Ferrol, Betanzos, Ourense e Lugo nos que, grazas ás actuacións xa en curso e ás
previstas, obteranse 58 vivendas rehabilitadas.
Este ano e tendo en conta os resultados da primeira convocatoria, a Xunta de Galicia decidiu
realizar unha nova oferta pública para a compra de inmobles nos cascos vellos de Betanzos, Ferrol,
Ourense, Ribadavia e Tui, concellos aos que se sumará tamén a cidade da Coruña, tal e como anunciou
hoxe Ángeles Vázquez. Esta ampliación na que xa se está a traballar permitiralle á Xunta intervir
en ámbitos particularmente degradados do casco vello coruñés, como a zona coñecida como A
Pescadería.
Entrada en vigor da Lei de Rehabilitación
Por outra banda, Ángeles Vázquez tamén se referiu á recente aprobación da Lei de
Rehabilitación de Galicia, a primeira norma deste tipo da comunidade que entrará en vigor o
vindeiro 22 de maio. Este novo marco lexislativo ten como obxectivos principais incentivar a
rehabilitación para acadar a dinamización dos núcleos rurais e dos cascos históricos, facilitar a
recuperación do xa construído e fomentar a cultura da rehabilitación fronte ao abandono.
Para iso, a norma aposta pola simplificación administrativa e a axilización dos trámites
necesarios para acometer actuacións de rehabilitación, ao tempo que fomenta a coordinación
administrativa co mesmo fin. Paralelamente, como subliñou Ángeles Vázquez, a Lei de Rehabilitación
tamén introduce unha novidade importante desde o punto de vista da posta en valor e o respecto
polas edificacións históricas e protexidas co establecemento, por primeira vez, dun réxime
sancionador específico para loitar contras as pintadas e graffitis que se realicen neste tipo de
elementos.
Por último, a conselleira explicou que medidas como o programa Rexurbe impulsadas polo seu
departamento, así como a propia Lei de Rehabilitación, terán unha incidencia directa na actividade
construtiva da provincia e, polo tanto, sobre o sector. Así, considerou imprescindible que os
proxectos e actuacións da Xunta “vaian da man” dos empresarios da construción aos que representan
entidades como APECCO para conseguir un “urbanismo responsable” que redunde na xeración de emprego
e riqueza e na mellora da calidade de vida dos cidadáns.