Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA CONVOCARÁ POR PRIMEIRA VEZ AXUDAS PARA FOMENTAR A COMPRA DE VIVENDA NOS CENTROS HISTÓRICOS ENTRE Á MOCIDADE

• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda avanza que proximamente o Instituto Galego de Vivenda e Solo fará público no Diario Oficial de Galicia a convocatoria desta liña de incentivos, que estará dotada de 600.000 euros
• Ángeles Vázquez sinala que esta medida específica para os menores de 35 anos quere dar resposta a unha das maiores dificultades coas que se atopa este colectivo, acceder a unha vivenda; ao tempo que se revitalizan os centros históricos das vilas e cidades galegas
• Defende que facilitando o acceso á vivenda, a través do alugueiro e a rehabilitación, e habilitando solo para o asentamento da actividade empresarial conxúganse dúas eivas para dinamizar e asentar a poboación

Lugo, 14 de maio de 2019-. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá que a Xunta de Galicia convocará proximamente unha liña de axudas para a adquisición de vivenda nos centros históricos dirixidas especificamente a menores de 35 anos. Así o adiantou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente durante un encontro cos membros da Confederación de Empresarios de Lugo, onde aclarou que esta liña de incentivos estará dotada de 600.000 euros e cuxa finalidade é levar á mocidade aos centros históricos das vilas, onde poder vivir e levar a cabo o seu proxecto de vida.

Vázquez Mejuto destacou que esta medida quere dar resposta a unha das dificultades coas que se atopan os mozos, como é o feito de acceder a unha vivenda, xa sexa en réxime de alugueiro ou en propiedade. Indicou que os menores de 35 anos son un dos colectivos de demandantes para os que o IGVS estableceu diferentes medidas e liñas de axudas deseñadas especificamente para atender as súas necesidades en materia de vivenda.

A conselleira enumerou os diferentes programas para fomentar o alugueiro, o acceso a vivendas públicas, axudas á adquisición de vivendas e axudas á rehabilitación e, a modo de resumo, recordou que actualmente hai preto de 200 vivendas de promoción pública en alugueiro adxudicadas e 35 máis en proceso de rehabilitación que serán ofrecidas aos mozos galegos. Así mesmo, a través das convocatorias de 2018 e 2019 para a compra de inmobles en concellos de menos de 5.000 habitantes dirixidas a menores de 35 anos, prevese axudar a 150 mozos a acceder a unha vivenda en propiedade.

Ángeles Vázquez argumentou que o Concello de Lugo, e concretamente o Barrio da Tinería, é un bo exemplo do traballo levado a cabo ao longo destes anos en materia de rehabilitación. Nesta zona emblemática da Cidade da Muralla leváronse a cabo a rehabilitación de 36 unidades edificatorias, das que se obtiveron 87 vivendas, 23 locais e dous edificios de oficinas, nos que se investiron 25 millóns de euros. Ademais, hai que engadir o esforzo realizado nas áreas de rehabilitación integral declaradas, tanto no Concello como na provincia, así como a mellora de equipamentos públicos que melloren a atención aos cidadáns e no que se resalte o valor histórico e patrimonial dos inmobles, como é o caso do Pazo de Dona Urraca.

Explicou que toda esta acción ten un impacto positivo na actividade empresarial da provincia e defendeu que as actuacións e políticas da Xunta deben camiñar da man dos empresarios para conseguir un urbanismo responsable, co fin de que xeren emprego, faciliten o asentamento empresarial e melloren os servizos e a calidade de vida dos galegos.

Nese sentido, recordou que a política sobre solo empresarial da Xunta tamén persegue ditos obxectivos. Recordou que na provincia de Lugo hai, actualmente, preto de 282.000 metros cadrados en 10 parques empresariais e con bonificacións do 50% no prezo: As Gándaras (Lugo), Viveiro, Foz, Cervo, Barreiros, Lourenzá, Monforte de Lemos, Monterroso Xermade e Bóveda. Destacou que son importantes bonificacións, para facilitar o asentamento empresarial e a xeración de novas oportunidades construtivas, de negocio e emprego e lembrou que no período 2015-2018 se adxudicaron case 420.000 metros cadrados cunhas bonificacións de 16,65 millóns de euros.