- A conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde Antonio Puga asinaron esta mañá un convenio
polo que o seu departamento compromete esta achega con cargo ao Fondo de Cooperación cos concellos
do Instituto Galego da Vivenda e Solo
- Desde a posta en marcha do fondo, no ano 2017, a Xunta xa outorgou ou está a tramitar a
concesión de case cinco millóns en préstamos sen xuros para financiar 18 actuacións de recuperación
e conservación nunha decena de concellos
- Subliña que a aposta pola recuperación do xa construído sustentarase o ano que vén
nuns orzamentos con 39 millóns de euros para axudas, créditos e obra directa
C
elanova (Ourense), 29 de outubro de 2019-. A Consellería de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda achegará un total de 252.321,11 euros ao Concello de Celanova para acometer as
obras de rehabilitación e renovación do albergue municipal. Con este fin, a conselleira Ángeles
Vázquez e o alcalde Antonio Puga asinaron esta mañá un convenio de colaboración que lle dará acceso
a este municipio ourensán ao Fondo de Cooperación posto en marcha polo Instituto Galego da Vivenda
e Solo (IGVS) para apoiar a concellos de menos de 50.000 habitantes en actuacións de rehabilitación
e conservación do patrimonio construído.
En concreto, a achega económica comprometida hoxe para rehabilitar o albergue de Celanova
permitiralle ao concello dispoñer de algo máis de 250.000 euros, contía que poderá devolver de
forma cómoda, desde hoxe e ata finais do ano 2024, en cinco anualidades de 50.464,22 euros cada
unha e sen pagar ningún xuro.
Cómpre lembrar que este Fondo de Cooperación se puxo en marcha no ano 2017, cunha dotación
inicial de 10 millóns de euros, co obxectivo de facilitarlle aos concellos o financiamento
necesario para acometer proxectos de rehabilitación mediante a concesión de préstamos sen xuros.
Desde entón, tal e como explicou a conselleira, xa se outorgaron, entre os convenios xa
comprometidos e os que se asinarán este ano, 4,98 millóns de euros para garantir a execución de 18
actuacións de rehabilitación e conservación de inmobles nunha decena de municipios.
Neste sentido, a responsable galega de Medio Ambiente enmarcou os obxectivos deste fondo na “
aposta decidida” da Xunta pola recuperación do patrimonio xa construído, unha finalidade que
comparte tamén coa nova Lei de Rehabilitación, en vigor desde o pasado 22 de maio e a primeira
deste tipo coa que conta Galicia, e cos propios orzamentos da Consellería de Medio Ambiente para o
vindeiro ano.
“Queremos fomentar a cultura da rehabilitación e loitar contra o abandono para que
rehabilitar vivendas resulte cada vez máis atractivo para os cidadáns e tamén para os concellos”,
declarou a conselleira. E para logralo, lembrou que nas contas do seu departamento para o próximo
exercicio a rehabilitación recibirá un pulo especial, xa que reservan un total de 39 millóns de
euros destinados a axudas, préstamos sen xuros e actuacións directas do IGVS en vivendas de
promoción pública.
Neste sentido, explicou que, entre outras medidas, o Fondo de Cooperación cos concellos
disporá o vindeiro ano de seis millóns de euros para garantir o financiamento necesario para que as
entidades locais executen obras de rehabilitación, mellora e conservación patrimonial; que haberá
unha partida de 8,5 millóns para axudar a particulares a acometer actuacións deste tipo; outros 6,5
millóns reservaranse para a orde de subvencións a repartir entre as Áreas de Rehabilitación
Integral (ARIs) declaradas en Galicia; e 4,9 millóns máis investiranse en actuacións directas do
IGVS sobre vivendas de promoción pública e axudas ás comunidades de propietarios deste tipo de
inmobles de VPP.